A Fundación Brandomil contará coa colaboración do INCIPIT na investigación da Pedra do Altar

Grandes novas para a arqueoloxías da Costa da Morte. A Fundación Brandomil, que non para de conseguir apoios, contará este ano coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), institución científica punteira no campo do patrimonio a nivel internacional.
Así se acordou nunha reunión mantida npo Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, entre o Instituto de Ciencias do Patrimonio - Consello Superior de Investigacións Científicas e a Fundación Brandomil, unha vez acordada a colaboración para o presente ano 2025.
O Secretario Xeral da Fundación Brandomil Enrique Iglesias, e os membros do Consello do Asesor da Fundación Brandomil, Jorge Mira, físico e Catedrático da USC e Lino Gorgoso Director das escavacións en Brandomil, amosaron as liñas de investigación a seguir no presente ano, centradas no xacemento de Pedra do Altar.
Por parte do INCIPIT, Carlos Otero e Pastor Fábrega, expuxeron a súa experiencia con novidosas técnicas non invasivas de estudo arqueolóxico, coma a prospección xeomagnética e o estudo xeofísico con gradiómetro sobre unha mesma porción de terreo.
Estas técnicas, combinadas, aportan información do subsolo sen escavar, axudando a identificar novas estruturas e delimitar xacementos de grande envergadura como é o caso de Brandomil.
Ao rematar a reunión fíxose unha visita ao xacemento romano de Brandomil para comprobar in situ a topografía do terreo para o seu estudo, e as posibilidades de aplicar mesmo outras técnicas de teledetección LIDAR Multiespectral, que no seu conxunto faría de Brandomil un espazo pioneiro a nivel peninsular na aplicación das máis modernas tecnoloxías aplicadas á arqueoloxía.
Pedra do Altar, xa un referente
Dende a Fundación destacan que a relevancia acadada no sector romano de Pedra do Altar, e a evidente monumentalidade do xacemento, motiva a colaboración dunha entidade de tanto prestixio como é o INCIPIT cun ilusionante proxecto para este ano 2025,.