Mércores. 23.10.2024
El tiempo

A parroquia de Brandomil xa coñece o libro sobre os seus achádegos arqueolóxicos

Presentacion Fundacion Brandomil
Dolores Martínez Martínez, unha das veciñas máis lonxevas de Brandomil, acompañou ao alcalde de Zas Manuel Muíño e ao arqueólogo e coautor do libro, Lino Gorgoso nesta presentación.
A parroquia de Brandomil xa coñece o libro sobre os seus achádegos arqueolóxicos

Escolleu a Fundación Brandomil o día de San Pedro e San Pablo, patrón de Brandomil, para a presentación do libro “Brandomil. Vila soterrada”, diante da súa veciñanza. Máis de medio centenar de persoas, tamén doutras parroquias e mesmo do estranxeiro, asistiron na Igrexa de Brandomil para coñecer de preto un libro que recolle as investigacións e as escavacións arqueolóxicas en Brandomil no último lustro, tanto no entorno da Ponte Vella coma no gran xacemento de Pedra do Altar.

A parroquia de Brandomil estivo representada por Dolores Martínez Martínez, que gabou o esforzo que está facendo, tanto a Fundación Brandomil como o Concello de Zas por recuperar “as cousas antigas do noso lugar”, e o cambio que supón para a aldea a chegada de visitantes ós puntos arqueolóxicos.

Publico na presentacion da Fundacion Brandomil

O arqueólogo e coautor do libro, Lino Gorgoso explicou todo o que recollía e significaba este libro para o recoñecemento do xacemento romano de Brandomil. Tamén afirmou que, aínda que xa houbera outras presentación desta obra, tanto no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, como no local de Amigos dos Museos da Coruña, esta exposición era a máis importante, porque era por e para os propios veciños de Brandomil que son os verdadeiros protagonistas desta publicación.

Pola súa banda o alcalde Manuel Muíño confirmou que o Concello de Zas seguirá apoiando esta labor arqueolóxica, e que neste verán volverán a facer outra intervención arqueolóxica na zona chamada Pedra do Altar, servindo o acto para anunciar o inicio destes traballos en apenas 15 días.

No coloquio posterior a presentación, varios asistentes formularon preguntas sobre as intervencións vindeiras, así como sobre as pezas atopadas de maior interese ou expresando a imperante necesidade de contar en Brandomil cun centro de recepción de visitantes que conteña unha Colección Visitable de pezas, das moitas que aparecen na aldea

Máis novas sobre Brandomil

Comentarios