venres. 07.02.2025
El tiempo

O IES de Baio convertiuse en sede parlamentaria

Mini Rivas e Ángel Ramón Mesa Torreiro no IES de Baio 1
Mini Rivas e Ángel Ramón Mesa Torreiro no IES de Baio
O IES de Baio convertiuse en sede parlamentaria

Interesantísimas estas visitas políticas que realizan centros como o IES Pedra da Aguia ou o IES Maximino Romero de Lema. Un xeito de achegar dun modo máis amable e cercano, o incómodo mundo da política á rapazada, que serve ademais para ir creando unha idea crítica sobre a sociedade que quere a mocidade.

 O centro baiés acolleu esta semana unha charla-coloquio entre Ángel Ramón Mesa Torreiro, exdeputado do PP, e Xosé Luís Rivas Cruz, exdeputado do Bloque Nacionalista Galego.

O alumnado de 1º Bacharelato e 3º ESO atendeu con esmero, primeiro a unha proxección audiovisual que explica a composición, os órganos e o funcionamento do Parlamento; e a continuación ao coloquio no que os invitados repasaron o seu
paso pola política e explicaron a importancia do Parlamento.

Comentaron que hoxe en día, os parlamentos son lugares silenciados, que non aparecen nas informacións, e que isto obedece ao obxectivo de desacreditalos como principais pezas da representación democrática. Subliñaron a importancia da palabra e do debate como ferramenta na democracia. Sinalaron que o control ao goberno debe exercerse tanto dende a oposición como dende o grupo que ampara o goberno...

Mini Rivas e Ángel Ramón Mesa Torreiro no IES de Baio

Os expolíticos deron resposta ás inquedanzas que expresou o alumnado a través das súas preguntas: por que entraron no mundo da política, o poder dos grupos de presión (lobbys) na elaboración das leis, a relación entre deputados de distintos partidos. Tamén se falou da pouca confianza que a sociedade ten actualmente nos políticos debido ao comportamento nada exemplar dalgúns deles. Neste sentido ambos defenderon unha actividade política digna e loable que regule o día a día.

En conclusión, unha sesión divulgativa moi interesante na que se espallaron os valores da democracia entre a mocidade nun momento en que hai interese, por parte de algúns sectores, en quebrar o sistema actual.

Máis novas

Comentarios