Jorge Mira abriu a Semana Cultural do IES de Baio

O IES Maximino Romero de Lema inaugurou este luns 11 de maio a súa XX Semana Cultural cunha actividade de gran valor educativo dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato. Esas semanas que sacan ao alumnado dos libros e lles abren a mente con outro tipo de contidos, habitualmente moito máis achegados e interesantes, dada a implicación do profesorado e equipos directivos. 

No caso baiés, foi o veciño e científico, Jorge Mira, o que abríu a programación coa charla “A que altura está o ceo?”, unha proposta que combinou rigor científico e capacidade divulgativa, facendo accesibles conceptos complexos dun xeito ameno e próximo. Ao longo da sesión, o alumnado puido achegarse a cuestións fundamentais da ciencia desde unha perspectiva diferente, estimulando a curiosidade e o pensamento crítico.

A súa intervención serviu como punto de partida dunha semana na que a cultura, a ciencia e a aprendizaxe serán protagonistas, reforzando a importancia de abrir o ensino a novas perspectivas e referentes.

O xoves, Nova xornada científica 

O centro organiza este xoves o “I Día da Ciencia na Rúa”, unha iniciativa divulgativa e educativa na que participarán tamén outros sete centros da contorna: o IES Pedra da Aguia (Ponte do Porto), o IES Terra de Soneira (Vimianzo), o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), o CPI As Revoltas (Cabana), o CPI Cabo da Area (Laxe), o CPI de San Vicente (A Baña) e o CPI de Zas.
A actividade desenvolverase no pavillón polideportivo de Baio, en horario de 10.30 a 13.30 horas, e reunirá centos de estudantes arredor da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Ao longo da mañá, o alumnado participante presentará unha ampla variedade de experimentos, xogos, proxectos e deseños relacionados cos ámbitos da física, a química, a bioloxía, a tecnoloxía e as matemáticas.

Outras semanas Culturais

Máis novas do IES