Unha necesaria sesión, en primeira persoa, sobre as consecuencias do franquismo, no IES Maximino Romero de Lema
O investigador e autor do arquivo “Represión (Mulleres, homes e homiños)" é natural de Baio, e se brindou a compartir as realidades que non viviron as novas xeracións.
Durante a súa intervención, o relator abordou o contexto histórico do inicio da Guerra Civil Española e da posterior ditadura, facendo especial fincapé nas consecuencias que tivo para a poboación galega. Así mesmo, puxo sobre a mesa exemplos concretos de represión en concellos da contorna como Zas, Vimianzo e Laxe, onde veciños e veciñas foron fusilados, encarcerados ou obrigados a fuxir para salvar a vida.
A información exposta forma parte dun exhaustivo traballo de investigación desenvolvido ao longo de 14 anos e recollido no portal da Memoria da Coruña. Nesta base de datos figuran máis de 18.000 persoas vinculadas á represión, tanto vítimas como represores, converténdose nunha ferramenta fundamental para a recuperación da memoria histórica en Galicia.
A actividade permitiu ao alumnado achegarse a unha parte clave da historia recente desde unha perspectiva próxima e documentada, contribuíndo á reflexión crítica sobre o pasado.





