Levan ao Parlamento problemas na Escola infantil Galiña Azul de Zas
- O Concello de Zas destaca o bo funcionamento da Galiña Azul e pon en valor o traballo do seu persoal
O PSdeG de Zas e o grupo socialista no Parlamento de Galicia impulsan unha iniciativa parlamentaria para preguntar ao goberno galego sobre a situación da escola infantil Galiña Azul do municipio.
A voceira socialista local Sheila Rial reuniuse coa parlamentaria Patricia Iglesias para coordinar esforzos nesta cuestión logo de que lle fosen trasladadas diferentes problemáticas por parte de varias familias usuarias do servizo.
Entre as cuestións trasladadas polas familias do centro figuran cambios organizativos e avisos realizados con pouca marxe, circunstancia que as obriga en ocasións a reorganizar con dificultade a recollida dos nenos e nenas.
“O que pedimos é información, transparencia e solucións para garantir un servizo estable e de calidade para as familias”, explica Rial, que insiste en que "a escola infantil é un recurso esencial nun concello rural como Zas, especialmente para favorecer a conciliación laboral e familiar".
A través da pregunta rexistrada na cámara, o Grupo Parlamentario Socialista solicitarán información sobre a situación actual do centro e as medidas previstas para garantir a normalidade do servizo e evitar novas incidencias que poidan afectar ás familias usuarias.
O Concello de Zas destaca o bo funcionamento da Galiña Azul e pon en valor o traballo do seu persoal
En resposta, o grupo de goberno do Concello de Zas quere poñer en valor o traballo que se desenvolve diariamente na Galiña Azul. Desde o Concello quere trasladarse que non existe ningún problema estrutural nin un mal funcionamento do servizo. As únicas incidencias producidas nas últimas semanas responden a cuestións puntuais derivadas da organización interna habitual en períodos vacacionais ou de baixas temporais dalgúns membros do persoal, situacións que se resolven conforme aos protocolos establecidos e sen afectar á calidade da atención que reciben os nenos e nenas.
O Goberno municipal quere tamén expresar o seu apoio e recoñecemento ao persoal da escola infantil, destacando a súa profesionalidade, implicación e calidade humana. Estase a falar dun equipo de traballo comprometido co benestar dos nenos e nenas e coa atención ás familias, que realiza un excelente traballo todos os días.