Máis de 20 nenas e nenos pasan "Un día nas Torres do Allo"
08:08 24/07/18
Ademais de coñecer o pazo das Torres do Allo, os visitantes participaron en varios talleres
"Un día nas Torres do Allo" foi o nome elixido polo concello de Zas para unha nova actividade incorporada no programa "Zas no verán" e que se desenvolviu onte pola mañá no pazo máis antigo. Así, o pombal, o xardín, o souto e a fonte que forman parte da contorna Torres do Allo, e as propias salas do pazo, recibiron a visita dos máis de 20 nenas e nenos que participaron na actividade.
Na xornada, na que estiveron acompañados dunhas temperaturas propias do verán, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer xogando os distintos elementos que xiran ao redor das Torres do Allo así como unha boa morea de historias que agocha o pazo máis antigo de Galicia.
Divididos en dous grupos – os pequenos e os maiores -, tiveron tempo para coñecer todas e cada unha das salas do pazo, para divertirse no xardín, de pasear polo souto de O Allo e incluso para refrescarse na fonte próxima ao monumento. Pero ao longo da mañá tamén houbo tempo para aprender, xa que os monitores da actividade explicáronlle como vivían as familias de nobres e campesiños que habitaron o pazo e os seus arredores anos atrás.
Durante a xornada houbo tempo para pasear pola contorna do pazo
Con algúns parénteses para coller folgos, a mañá resultou do máis productiva. Xa que ademais das saídas ao exterior do pazo tamén houbo tempo para realizar uns obradoiros didácticos adaptados ás idades dos membros dos grupos. Os máis novos puxéronse en contacto coa terra e coa alimentación dos nobres e dos campesinos a través do obradoiro de sementes. Descubriron así cales eran os alimentos básicos e incluso levaron algunhas sementes para as súas casas. Pola súa banda, os maiores afondaron sobre a vestimenta da época a través do obradoiro de tecidos no que aprenderon sobre a laborosidade que hai detrás da roupa que se vestía antigamente.
Próxima cita
A próxima cita é este venres cunha excursión ao Parque Arqueolóxico da Arte Ruprestre de Campo Lameiro, en Pontevedra. Na viaxe participarán nenas e nenos con idades comprendidas entre os 7 e 16 anos e adentraranse na Idade do Bronce a través de distintas actividades lúdicas e participativas.
As dúas son actividades organizadas polo Concello de Zas incluídas no programa “Zas no verán!” a través do cal se facilita a conciliación laboral e familiar da nosa veciñanza.
Novas relacionadas
- A Semana Cultural enche Zas de animación entre o 29 de xullo e o 4 de agosto
- Zas prepárase para o Trail-Andaina Coba do Lobo e para visitar o Campo Lameiro
- Zas lanza un completo programa de verán para facilitar a conciliación familiar e laboral
- As piscinas municipais de Zas abren a campaña de verán
- O xogo do “Escape Room” arrasa nas Torres do Allo
- Chega a Zas e a Muxía un verán cheo de actividades
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Zas