A Mostra de Teatro Labarta Pose xa ten ecollidas as súas 5 obras
Tras unha difícil deliberación con preto de medio cento de propostas, o xurado da Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose elixiu xa as cinco obras que conformarán o programa desta novena edición. O listado elixido compóñeno:
- Alimañas (Gargallada Teatro),
- Deus non quere calderilla (The-Sastre Teatro),
- Operación Barranco (Vagalume Animación),
- Dona Clara (Teatro Ollomao) e
- Un fiambre, unha rosca e un cancan (Asociación Cultural Faiscas).
En total, serán unha traxicomedia e catro comedias, entre elas, unha negra e outra de enredo. As representacións terán lugar os sábados 23 e 30 de maio, e 6, 13 e 20 de xuño, mentres que o 27 de xuño terá lugar o acto de clausura e entrega de distincións.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, agradeceu o incrible labor realizado polo tribunal, “especialmente tendo en conta que nesta edición batemos un auténtico récord en cifras de participación”. Neste sentido, fixo extensivo o seu agradecemento ás compañías que presentaron os seus traballos polo “esforzo e talento que demostraron”.
Pola súa parte, un dos representantes do xurado, Ricardo Vigueret, destacou o esforzo que supuxo “a escolla de só cinco obras entre as 48 que se presentaron ao certame”. Vigueret incidiu, ademais, na “calidade das obras propostas, así como na creatividade e frescura dos textos engadido á calidade das interpretacións e á coidada posta en escena de moitas delas fixeron que fose moi difícil a selección das gañadoras”. O representante do tribunal confía en que o público se “sorprenda coas obras e doce durante as cinco semanas que dura a mostra”.