Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os Premios Fouciño de Baio unen o audiovisual galego coa música emerxente nun festival que será o 8 de xullo

Os Premios Fouciño de Baio unen o audiovisual galego coa música emerxente nun festival que será o 8 de xullo
Despois da fakenew do alumnano do IES de Baio sobre o achádego dunha anticitera, imos coñecendo algo máis do certame da segunda edición dos Premios Fouciño, organizada pola asociación cultural Adro de Baio coa colaboración do concello de Zas e o patrocinio de varios establecementos da vila. O certame arranca xa o luns 3 de xullo coa semana cultural audiovisual na que se proxectarán documentais cedidos e que se presentarán por primeira vez na Costa da Morte tales como Seven Days, Seven Cities de Dani López (Mandeo Films), Angrois no esquecemento de Susana Recouso e Emilio Carral (Lentes Diverxentes), Os días afogados de César Souto e Luís Avilés (Amanita Films) e Manfred, home sen paz, premio Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. O venres, día 7, presentaranse oficialmente os Premios Fouciño nun acto que terá lugar no pazo das Torres do Allo. Tras a inauguración proxectarase o filme “Fouciño Sanguento”; a primeira longa rodada na Costa da Morte (1996-1999) e xermolo deste festival. 8 de xullo Mais o día grande dos Premios Fouciño é o sábado 8 de xullo. O programa ábrese xa ás 12 horas con dúas actividades. Por unha parte, haberá un obradoiro de cine da modalidade Stop Motion dirixido a nenos e nenas de menos de entre 8 e 12 anos. E, por outra, varios expertos do mundo audiovisual - como Jorge Boquete (Porco Bravú), Carmen Rey (Numenius) Miki Martínez (Vychokos Entertainment) e representantes do programa Youtubeir@s – participarán nunha mesa redonda para falar de como empregar a linguaxe audiovisual para falarlle ao mundo de universos persoais e locais. Xa pola tarde o certame trasládase aos establecementos hostaleiros de Baio, lugar no que se proxectarán as curtas participantes no concurso así como as cedidas por outros creadores. Alí, o público poderá votar pola súa proxección favorita. E rematadas as visualizacións comezará a soar a música na praza do parque infantil de Baio que poñerá o broche final ao certame. Ao redor das 21:30 horas, mozos e mozas da vila farán unha sesión de regueifas que lle dará paso ao concerto de Oîma. A continuación, terá lugar a entrega de premios que está prevista, aproximadamente, para as 23 horas. A festa continúa coas actuacións de Leo I Arremecahona, Atrás Tigre, Monoulious DOP e os baises The Fakes. Concurso Mentras, o concurso de curtas continúa aberto ata o 30 de xuño. Os premios entregaranse o propio día 8 de xullo no marco do festival. En total repartiranse 800€ en premios; un de 500€ en metálico e trofeo para a categoría libre e outros de 300€ en bonos canxeables nos comercios de Baio e trofeo para a categoría de instututos. O público será o encargado de outorgar un trofeo á curta máis votada.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios