Os premiados docentes Fina Paulos e Óscar Rey publican o libro “Aplicacións Web” para os futuros técnicos en Sistemas Microinformáticos

Fina Paulos e Oscar Rey Calo

Non paran. Os dous premiados mestres do IES Maximino Romero de Lema continúan coa súa labor divulgativa aberta. Fina Paulos ((natural de Santa Marta Babío, Bergondo, e residente en Oleiros), e Óscar Rey Calo (natural de Corme e residente en Fisterra) contan cunha sólida traxectoria en innovación educativa e proxectos pioneiros de dixitalización e Intelixencia Artificial no ámbito escolar, que se ve reflexada nas páxinas desta nova publicación amosando contidos actualizados á nova realidade educativa, como é a normativa ou o emprego da IA.

A obra publicada coa Editorial Garceta está concebida como un libro de referencia educativo práctico, rigoroso e actualizado, orientado ao módulo de 2º curso Aplicaciones Web” do ciclo formativo de Técnico en Sistemas Microinformáticos e Redes (SMR), sumando unha nova peza á traxectoria dos autores na divulgación e formación tecnolóxica.

Froito do traballo levado a cabo por estes docentes no último ano, publícase este libro que presenta os conceptos dun xeito claro, sinxelo e dende un punto de vista eminentemente práctico. Cunha linguaxe accesible e orientada á práctica na aula, o libro aborda dende os fundamentos dos xestores de contidos e o deseño web ata a seguridade e a administración de servizos en liña.

Unha traxectoria consolidada na divulgación sobre Intelixencia Artificial

Esta nova publicación reforza o compromiso de Paulos e Rey coa actualización dos currículos educativos e a divulgación científica no ámbito da tecnoloxía. Os dous docentes veñen de ter un papel destacado no ámbito da dixitalización grazas ás súas publicacións sobre a Intelixencia Artificial no eido educativo e social:

• Intelixencia Artificial para a sociedade (Medulia Editorial): obra pioneira en galego pensada para achegar a IA á cidadanía e servir de apoio didáctico na educación secundaria.

Inteligencia Artificial en el aula: Aplicaciones de la IA en la docencia (Editorial Garceta): un libro de referencia educativo a nivel nacional dirixido ao profesorado e familias para a integración ética, inclusiva e práctica das ferramentas de IA nos procesos de ensino-aprendizaxe.

Innovación e proxectos educativos inclusivos

Máis alá da súa faceta editorial, Fina Paulos e Óscar Rey destacan polo seu traballo directo na aula mediante proxectos educativos punteiros relacionados coa tecnoloxía e a inclusión. Entre eles destaca a súa participación activa en iniciativas como Talentos Inclusivos (en colaboración co CITIC da Universidade da Coruña e ASPACE), onde desenvolven xunto ao alumnado solucións tecnolóxicas e de IA aplicadas a mellorar a calidade de vida de persoas con diversidade funcional.