Os sectores eólico, agrogandeiro ou tecnolóxico, interesados no pioniero Parque Científico e Tecnolóxico de Zas
- Zas avaza neste o primeiro impulsado integramente por un concello
Novo paso do Concello de Zas para darlle forma ao Parque Científico e Tecnolóxico, o primeiro impulsado integramente por un concello na provincia da Coruña e o primeiro de carácter municipal en toda Galicia.
Presentado en 2023, o proxecto conta coa colaboración da Universidade da Coruña, de Emalcsa e da Fundación Universidade da Coruña, participantes onte nunha presentación realizada na Casa do Concello.
O alcalde, Manuel Muíño, recibiu ao director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez; ao director xerente da Fundación Universidade da Coruña, Juan José Gómez; e ao director adxunto da mesma entidade, Braulio Pérez.
Na rolda de prensa, Muíño explicou que xa existen contactos con empresas interesadas en instalarse no novo parque, procedentes dos sectores eólico, agrogandeiro ou tecnolóxico: “Estes primeiros pasos son fundamentais para definir un parque útil, adaptado ás necesidades reais do tecido produtivo”, afirmou.
Pola súa banda, Ricardo Vázquez (Emalcsa), explicou que esta é unha primeira toma de contacto para colaborar, destacando que “o proxecto de Zas ofrece un contorno moi interesante para desenvolver novas liñas de I+D en sistemas de abastecemento e tecnoloxías transversais”.
Desde a UDC, Juan José Gómez subliñou que se trata dunha “iniciativa pioneira, con pasos firmes e un avance notable que pronto dará resultados visibles”, mentres que Braulio Pérez anunciou que se impulsarán “accións no territorio que faciliten sinerxias co tecido local”.

Igualmente, tamén confirmaron que o Concello está conversar coa Asociación de Empresarios da Comarca de Soneira para a cesión dun espazo que permita crear unhas oficinas provisionais do parque. Estas oficinas servirán como un viveiro de empresas e será o lugar onde se irán planificando os diferentes espazos do futuro parque, así como o deseño do edificio central, concibido como un espazo emblemático para investigación, innovación, emprendemento e colaboración entre institucións e empresas.
Visita e Plan urbanístico
Unha vez finalizada a rolda de prensa, os participantes desprazáronse á zona onde se construirá o Parque Empresarial Tecnolóxico Costa da Morte, para coñecer in situ a superficie.
Alí informou dos novos pasos do Concello coa adxudicación da redacción do Plan Parcial á empresa Alfonso Botana S.L., cun investimento de 100.000 euros e un prazo máximo de execución de 12 meses, sen incluír os prazos sectoriais.
O parque localizarase na parroquia de Lamas, nunha superficie próxima aos 400.000 m², entre a estrada Baio–Zas e o río Grande, xunto ao polígono do Allo e preto do futuro polígono privado de Os Muíños. O deseño combinará zonas de investigación, espazos para novas empresas e áreas verdes integradas nun entorno natural.

