SOS Sanidade convoca unha concentración este luns en Baio
- PSOE e BNG inciden no desmantelamento da Atención Primaria e os problemas cos pediatras
Continúan os problemas que arrastra a sanidade pública ante a eterna deixadez do goberno popular da Xunta de Galicia. Ante esta situación, e despois da manifestación pasada por auga deste domingo en Compostela, a plataforma SOS Sanidade Pública convoca concentracións en ducias de centros de saúde do país, entre eles o de Baio. A cita, que coincide co motivo do Día da Atención Primaria, será este luns ás 13:00h.
Ademais, os dous grupos principais da oposiciónvolven denunciar estes días problemáticas que xa son crónicas na nosa comarca, e en boa parte de Galicia, com oson os problemas na Atención Primaria e a falta de pediatras.

O PSOE
O PSdeG-PSOE da Costa da Morte manifesta a súa profunda preocupación polo grave deterioro da sanidade pública galega, consecuencia directa das “políticas de recortes e da falta de planificación do Goberno da Xunta de Galicia, presidido por Alfonso Rueda”. O coordinador comarcal, o corcubionés Jorge Domínguez asegura que o grupo acodirá a mobilización acompañado pola deputada Silvia Longueira, así como por cargos orgánicos e institucionais e militantes da comarca.
Denuncian que a situación da Atención Primaria na Costa da Morte non constitúe un feito illado, senón que forma parte dun problema estrutural agravado pola inacción da Xunta. “A falta de pediatras, a inestabilidade do persoal médico e mesmo a existencia de períodos sen profesionais dispoñibles evidencian unha situación límite que afecta directamente á calidade asistencial e obriga ás familias a desprazarse ou a asumir demoras e cambios constantes de médico”.
Zas é, de feito, un claro exemplo desta falta de persoal médico. Neste sentido, o PSdeG local, a través da súa portavoz Sheila Rial, vén trasladando esta problemática ao debate público e institucional, esixindo á Xunta a cobertura definitiva da praza de pediatría, unha demanda reiterada ante unha situación que non é nova e que continúa sen resolverse.
O BNG
Tamén participará o BNG, que vén de presentar iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza que provea de forma urxente as prazas de pediatría nos centros de saúde de Fisterra, Carnota, Camariñas, Dumbría, Muxía e Zas, cun profesional médico especialista. Así mesmo, pide que se dote a praza vacante de médico de familia no centro de atención primaria do concello de Zas.
Lembran que “no último procedemento extraordinario convocado polo Sergas para cubrir prazas de difícil cobertura, volveu quedar vacante a praza de pediatría en Fisterra. Unha situación que levan sufrindo xa sete anos os pais e nais de Fisterra, que teñen que levar ás súas crianzas ao centro médico de Cee, ao igual que os proxenitores de Dumbría e Muxía, pois estes tamén teñen sen cubrir a praza pediátrica que atendía aos seus fillos e fillas”.
A formación nacionalista subliñou que en igual situación atópanse “en Carnota, que xa suman dous anos sen o servizo, tendo que desprazarse a Muros, co agravante de que tamén no centro médico muradán está sen cubrir unha das dúas prazas existente”.
”Idéntico problema teñen na bisbarra de Soneira, onde só existe un facultativo de pediatría no concello de Vimianzo, que centraliza o servizo para Zas, que segue coa praza vacante; e en Camariñas o servizo cubrírono cun médico puericultor, que non é unha solución satisfactoria, pois estes profesionais encárganse de previr enfermidades na infancia a través dos coidados e a crianza, mais o pediatra é o especialista que ofrece o tratamento e a curación das enfermidades. E a veciñanza de Zas ten que desprazarse ata Camariñas, cando non se ofrece o servizo en Vimianzo, porque tampouco se substitúe esa praza”.