Zas acolle o I Encontro Atlántico de Festivais de Cinema
- Cineastas, programadores de festivais e profesionais do sector audiovisual reuniranse nunha xornada que busca impulsar o desenvolvemento e a promoción da cinematografía galega.

Ademais dos Premios Fouciño, Zas segue reafirmándose como capital audiovisual galega. O vindeiro 7 de agosto, a coordinadora galega de festivais de cinema, Proxecta, organizará o "I Encontro Atlántico de Festivais de Cinema" no que o público terá a ocasión de compartir visionados de películas e debates xunto a cineastas, programadores e profesionais do sector audiovisual.
O evento, deseñado para fomentar a análise, o intercambio de experiencias e a creación de redes profesionais, busca impulsar o desenvolvemento e a promoción da cinematografía galega, ademais de dinamizar culturalmente unha comarca rural como a nosa.
Programa
A xornada comezará ás 11:30h nas Torres do Allo coa inauguración do acto, que contará coa participación de representantes de Proxecta, a Área de Cultura da Deputación da Coruña como patrocinadora do evento e do Concello de Zas como colaborador. Ás 12:00h, terá lugar unha conversa entre cineastas e profesionais da programación en festivais: “Para que serven os festivais de cinema?”.
A sesión da tarde comezará ás 17.30h cunha visita á Torres do Allo. Ás 19.30h, no Auditorio Municipal, presentarase o Espazo Fouciño, unha homenaxe ao percorrido deste festival con pezas programadas en anteriores edicións. Ás 20.30h, no Auditorio Municipal, proxectarase unha selección de curtas, incluíndo traballos de cineastas galegas como Anxo Fazáns, Andrea de la Iglesia, Xacio Baño ou Oscar Pardo Cartelle.
A programación da tarde concluirá ás 22:00h, na Praza do Campo (Concello), coa proxección ao aire libre de “O corno” un drama dirixido e escrito por Jaione Camborda, gañadora da Concha de Oro en San Sebastián.
- 11.30h Inauguración do acto con representantes de Proxecta, Área de Cultura da Deputación da Coruña e do Concello de Zas. Torres do Allo.
- 12.00h Mesa redonda: “Para que sirven os festivais de cinema?”. Torres do Allo.
- 14.00h Pausa xantar.
- 17.30h Visita ás Torres do Allo.
- 19.30h Auditorio Municipal. Espazo Fouziño. Pezas escollidas por este festival de entre as programadas en anteriores edicións.
- 20.30h Sesión de curtas. Auditorio Municipal.
- HABITAR de Anxos Fazáns | 15 min.
- VOGAR de Andrea de la Iglesia | 9 min.
- PLATÓNICO, PLATÓNICA de Xacio Baño | 9 min.
- VÉXOTE de Oscar Pardo Cartelle | 20 min. - 22.00h. Praza do Campo (Concello). Cinema ao aire libre. “O corno” de Jaione Camborda.