Martes. 16.04.2024
El tiempo

Zas polo Miúdo percorre a historia da parroquia de O Allo

Zas polo Miúdo percorre a historia da parroquia de O Allo
igrexa-allo-fachada-renacentista A fachada da igrexa de O Allo é da época renacentista. Imaxe: Evaristo Domínguez Dentro do programa "Zas polo miúdo", o concello de Zas vén de publicar na súa paxina web unha nova entrega da parroquia de O Allo. O mes pasado Evaristo Domínguez e Xosé Mª Lema publicaran a primeira parte de San Pedro do Allo na que abordaron a xeografía, a toponimia e as etapas construtivas das Torres do Allo - o primeiro pazo galego - xunto cun esquema xenealóxico dos Rioboo, a familia fidalga que as posuíu desde o século XV ata o ano 1998. Esta segunda parte publicada estes días céntrase na análise estilística da súa igrexa parroquial, coa súa senlleira portada-retablo renacentista; na interpretación dos escudos nobiliarios das Torres e da igrexa e na posta en valor doutros elementos singulares da freguesía: o novo cemiterio (2006), o novo cruceiro do adro (2013), a fonte barroca de San Ramón (século XVII), o souto, os muíños do século XVII (da ponte Castiñeira da Cebola e os do Allo), o polígono industrial cunha referencia á loita recente pola ITV… Habitantes ilustres das Torres Tras un repaso da parroquia nos documentos históricos do século XVII ó XX, hai un aspecto que vai suscitar moito interese: uns personaxes que, aínda que non naceron nelas, si habitaron as Torres en temporadas máis ou menos longas. Trátase do cóengo e historiador Antonio de Rioboo y Seixas, autor dun famoso poema histórico á Virxe da Barca (1728) e do máis famoso naturalista galego do século XIX, Víctor López Seoane, marido de Francisca de Rioboo, a primeira muller propietaria do pazo e couto do Allo. Como novidade, tamén se trata de aclarar a orixe da violenta controversia dialéctica de mediados do século XVIII entre o citado Antonio de Rioboo e Diego Cernadas y Castro, o xa daquela prestixioso cura de Fruíme, que motivou a publicación deste último dunha glosa en galego contra o Rioboo que se fixo famosa (“Meu Antón, no que parolas”) inspirada por unha copla popular quizais nacida na propia parroquia do Allo e que chegou por vía oral ós nosos días: Ai do Allo, ai do Allo ai do Allo, ai da Cebola ai do Allo, ai do Allo nunca che eu do Allo fora

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios