Esta semana comezan as obras de rehabilitación da Casa do Concello da Laracha

Esta semana comezan os traballos da rehabilitación integral da Casa do Concello que teñen como finalidade de modernizar a sede administrativa municipal adaptándoa ás necesidades actuais en canto a espazos, accesibilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética. Será unha transformación completa do edificio, tanto interior como exterior, ademais de mellorar a súa integración con outros equipamentos da Praza do Concello como o xardín e o parque infantil.
Durante o tempo de execución dos traballos a Casa Consistorial non poderá acoller ningún tipo de actividade administrativa, polo que os diferentes departamentos están a ser trasladados temporalmente a outros edificios e instalacións municipais para continuar prestando atención presencial á cidadanía xa a partir de hoxe luns.
Así, o viveiro de empresas do polígono industrial acollerá o Rexistro Xeral e os departamentos de Urbanismo, Secretaría, Servizos Económicos (Intervención e Tesourería) e Administrativos, a Oficina de Información ao Consumidor e o Gabinete de Comunicación.
Para unha máis próxima atención á cidadanía no núcleo urbano da Laracha, no Edificio Administrativo da capital municipal tamén será habilitado un punto de Rexistro (incluíndo o padrón). Nesa instalación continuarán estando operativos, sen variacións con respecto aos últimos anos, os departamentos de Servizos Sociais, Igualdade e Emprego.
O departamento de Cultura, Deportes, Xuventude, Ensino e Turismo quedará ubicado na Casa da Cultura, á que a cidadanía poderá acudir para anotarse presencialmente nas actividades municipais ou para os servizos que ofrece a Oficina de Información Xuvenil.
A Alcaldía terá dependencias tanto no Edificio Administrativo como no viveiro de empresas, e atenderase en ambos lugares segundo a natureza dos asuntos a abordar.
E o Xulgado de Paz será trasladado nos próximos días a un baixo que alugará temporalmente para tal fin o Concello na rúa Rosalía de Castro.
As obras a detalle
A execución das obras será a cargo de Proyecon Galicia S.A., empresa á que foi adxudicada a actuación por un importe de 1.559.550,85 euros. Para o seu cofinanciamento xa se conta cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública. O Concello tamén ten solicitada a colaboración doutras administracións que no momento actual están pendentes de resolución.
Aínda que a transformación da Casa do Concello será integral, a reforma conservará a estrutura e a envolvente do actual edificio co propósito de xerar o menor número de residuos posible para favorecer a sustentabilidade da intervención. Os ocos da fachada serán modificados e a cuberta será obxecto dun novo acabado para ampliar os espazos dando resposta ás novas necesidades. O interior reformarse na súa totalidade unificando acabados e instalacións. Tamén se reforzará o illamento térmico e será instalada unha barreira anti radón.
A nova edificación levará consigo unha reestruturación dos espazos para ofrecer unha mellor e máis eficiente atención á cidadanía. A planta baixa albergará o Rexistro Xeral e tamén as novas dependencias do Xulgado de Paz. O primeiro e o segundo andar acollerán os despachos e as zonas de traballo dos diferentes departamentos municipais. E, como unha das novidades principais, na nova planta ático será creado un Salón de Plenos que funcionará, á súa vez, como espazo para o desenvolvemento de actos oficiais municipais, tales como as recepcións no Concello ou celebración de enlaces matrimoniais.
Os materiais e sistemas seleccionados para a construción dos novos volumes a edificar e os acabados responden ás necesidades de xestión medioambiental sustentables e de aproveitamento de recursos de Galicia que permita relacións co tecido económico, social e empresarial da comunidade. Empregarase madeira de bosques con declaración ambiental de produto e xestionados de maneira sustentable.
A Casa do Concello da Laracha construíuse no ano 1974 e en 1989 foi obxecto da reforma coa que se aumentou o segundo andar e os espazos do baixo cuberta. Agora, máis de medio século despois da inauguración, o edificio será obxecto desta rehabilitación integral necesaria para adecuar as instalacións para modernizalas, amplialas, facelas máis eficientes e operativas e integralas mellor na Praza do Concello.