Imprimir

O Club Náutico de Camariñas relaxa os ánimos pensando na Bandeira Azul

que pasa na costa | 20 de marzo de 2012

Falta lle facía unha boa nova ao Club Náutico de Camariñas tralas sucesivas polémicas surxidas ao seu redor Pois a boa nova chegaba a semana pasada, cando o Xurado Nacional propuxo ao Club camariñán como candidato a obter o prestixioso distintivo "Bandeira Azul". Este era o segundo escollo que había que superar no difícil camiño por obter o prezado galardón, e xa está superado.

Agora será o Xurado Internacional, no mes de maio, en Dinamarca, o que terá que referendar a proposta realizada a nivel nacional. A partir de aí, xa coa distinción concedida, no mes de xullo produciríase a visita de inspección definitiva ás instalacións para ratificar a finalización de todo o proceso e facernos acredores a lucir a insignia nun lugar preferente do noso mastro.

A entrega da bandeira produciríase no mes de agosto, nun acto oficial, na sede do Club.

Longo proceso

O proceso de obtención da Bandeira Azul "non é un camiño fácil nin curto", asegura a directiva. De feito, "a Xunta Directiva comezou a traballar neste proxecto xa no ano 2009, aos poucos meses de producirse a súa toma de posesión. O ano anterior, en 2011, presentamos a nosa candidatura sabedores de que non obteriamos a distinción, pero como paso necesario para coñecer o proceso e obrigarnos a traballar de firme para optar a conseguilo neste ano 2012", explica o Presidente Alberto Artaza.

A principios do mes de decembro de 2011, "superamos satisfactoriamente a inspección previa realizada por ADEAC, o organismo que xestiona por Delegación da Unión Europea a tramitación da Bandeira Azul en España. Este era o primeiro paso. O segundo, e sen dúbida o máis importante, foi a proposta, xa oficial, realizada polo Xurado Nacional o pasado 14 de marzo".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da man de Alberto Artaza Presidente do Club Náutico de Camariñas.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/camarinas/o-club-nautico-de-camarinas-relaxa-os-animos-pensando-na-bandeira-azul/20120320070159070051.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA