Martes. 16.04.2024
El tiempo

Pepe de Olegario: "Recuperar os barcos afundidos na nosa costa é un bo un atractivo para os turistas"

Pepe de Olegario: "Recuperar os barcos afundidos na nosa costa é un bo un atractivo para os turistas"

Pepe de Olegario cos seus mapas de naufraxios na sua casa de Sardineiro Pepe de Olegario cos seus mapas de naufraxios na súa casa de Sardiñeiro Mapas-dos-barcos-afundidos-de-pepe-de-olegario.jpg en exclusiva na tendaQPC Pincha na imaxe para facerche cos mapas de Pepe de Oleghario na TendaQPC Se hai algo que en Galicia defina máis a unha persoa que o seu nome, ese é o seu apodo. Seguramente haxa máis dun José Luis López Redonda, pero de seguro que só existe un Pepe de Olegario. Mariñeiro dende que era un rapaz, estudou algo de náutica en Ferrol e adicouse a pescar o mero mentres facía amigos polo mar. E aprendía deles, sobre todo dos vellos lobos, que sabían e saberán máis ca calquera libro. Pepe foi estudando e recopilando a historia dos barcos afundidos polas nosas augas: o seu nome e o dos seus tripulantes, de onde viña e a onde se dirixía, que carga levaba, e que lles pasou para que dende moitos anos, quedaran anclados no fondo do mar da Costa da Morte. Toda a súa sabedoría plasmouna en diversos modelos de cartografías, e o seu último proxecto elaborouno en exclusiva para Stoupa e a tenda online de Que pasa na Costa, a tendaQPC. Convidamos, da man da xornalista de Stoupa Lidia Fernández Trasmonte, a Pepe para facerlle unha pequena entrevista e que contara, coas súas propias palabras e a súa forma de expresarse, a historia viva da Costa da Morte.  

  • Mariñeiro de profesión e cartógrafo de corazón?

Bueno eu empecei facedo planos no DECCA, un aparato inglés formidable, e grazas a el ía colocando todos os obxetos nos planos. Un traballo de negros. Despois xa vén o GPS e tiven que tirar con todo e empezar de novo outra vez.  

  • Cando lle entrou o interese por plasmar todos os datos nunha cartografía?

Eu estudei náutica mentres estiven na marina, durante case dous anos. Estudei no Jorge Juan unha escola moi importante en Ferrol e aí foi onde aprendín algo: o que era un plano, a latitude e a lonxitude... Todo o que debe de saber un patrón, non?  

  • Vostede comezou moi novo a traballar de mariñeiro.

Si, comecei con 14 anos. Con esa idade xa andaba eu polo mar! Estiven traballando en barquiñas e despois no ano 1966 foi cando empecei a andar ao mero. E antes traballara cun rapaz moi bo de Muros que tamén andaba nunha barquiña, pero tivo a desgraza de ir ao fondo cerca da costa portuguesa e morreron todos os do barco.  

  • O mero atópase nos pecios?

Eu deime conta de que no mar había unha riqueza enorme. Cando chegabas ao casco dun barco no que nunca estivera pescando ninguén podías coller todo o peixe que querías, chegando a coller uns 1.000, 2.000 ou 3.000 kg de mero. Descubrín que había moitos barcos agochados e que si os atopabas podías atopar moito mero, polo que unha cousa levou á outra e aí foi onde comecei a interesarme polos barcos afundidos. Fun facendo amigos que traballaban en barcos de arrastre de Coruña, Vigo, Marín ou Muros e cando eles tropezaban con algo pesado, sabía que podía haber un casco ou barco perdido no fondo do mar e ía alí para ver si o atopaba. E buscaba e buscaba ata que o localizaba.  

  • Era coma un “rana”, pero dos barcos.

Si pero necesitei axuda do GPS e o radar porque a axuda na navegación é necesaria, no mar fai falta ter aparatos. É importante estar ao día en todo, na terra e no mar.  

  • Cantas cartografías pensa vostede que fixo ao longo da súa vida?

Cartas, copias, puf... Cartas náuticas fixen miles seguramente pero quedaron obsoletas claro. Hai veces que tes unha cartografía feita co información elaborada pero ves que aparecen máis datos, ou tes algún dato erróneo, etc. Pero xa me cansei, xa me cansei porque ademáis tampouco se agradece moito. Fixen un traballo de negros e se non son eu esta historia perderíase, porque hoxe todo o mundo sabe moito pero outros tiveron que traballar moito tamén. Agora calquera é patrón e semella que lle dan gran parte do traballo feito pero claro, outros tiveron que ir diante jaja.  

  • E vostede lémbrase de cal foi o primeiro barco que atopou no mar?

Pois o primeiro barco que pescamos debiu de ser o Bonifaz, un petroleiro no que ía un chaval de aquí de Corcubión, fillo de Andrés “O barbeiro", encargado de máquinas. O Bonifaz estaba a 10 millas de Fisterra e chocou con outro petroleiro francés, o Fabiola e este foi ao fondo. O barco viña de A Coruña ou Ferrol me parece e ía cara Vigo, e morreron moitas mulleres porque estaban dentro dos camarotes e como se prendera o lume dentro, este bloqueaba as saídas do barco. E nese barco foi donde máis badexo houbo... Quilos e quilos de badexo e mero dou ese barco.  

  • O nome de Costa da Morte vén claramente en referencia a todos os barcos afundidos nas súas aguas. Sabería dicirme aproximadamente cantos barcos naufragados hai por esta costa?

Hai moitos que están desfeitos ou que non eres capaz de localizar porque o sonar non os detecta xa que ao mellor están encallados na area e, nalgúns casos, a máis de 500 metros de profundidade. É moi difícil calculalos pero hai miles deles. E antes había máis claro, hai 100 anos afundían máis barcos.  

  • E dentro da Costa da Morte, en que zona ou concello se produciron máis naufraxios?

Esa é a zona de Camelle, por esa zona e polo cabo Vilán porque ademais é un lugar con moita corrente e moitas pedras e seguramente moitos embestiron contra elas. E se había néboa... Naquela época o capitán ía navegando cun plano por estima, pero o barco ía polo outro. E as fortes ondas e correntes desviaban o barco moitas millas.  

  • E non só datou os barcos afundidos pola costa galega, senón tamén pola portuguesa e incluso a cantábrica. É iso certo?

Bueno ao mar cantábrico non cheguei porque fun baixando dende Estaca de Bares pero a Portugal si, e na costa portuguesa hai moitísimos máis barcos afundidos e tamén hai que ter en conta que é máis grande, claro. Eu teño un plano feito de Portugal pero nunca me atrevín a facelo enteiro porque non teño datos, non sei que barcos son. Sei a latitude pero non sei a historia do navío, tería que ir preguntando. Cando eu tiña 25 anos preguntáballe aos de 60 e contábanche “pois este barco tal e aquel é de alá”. Pero había veces que nin eles mesmos se lembraban. Había libros de naufraxios moi bos onde saían os nomes e sabendo iso buscabas a súa historia; pero tamén podías saber o nome do navío, a data exacta do afundimento e as persoas que morreron nel, pero non saber a localización exacta.  

  • A vostede pedínrolle axuda para localizar algún barco? Teño entendido que si que requeriron a súa axuda para localizar o Cardenal Cisneros.

Si, si. Eu estiven en barcos de guerra tamén e axudaba. Axudei no Cardenal Cisneros e cerca andaba tamén o Blas de Lezo, un barco de guerra onde non morreu ninguén. O Cardenal Cisneros tocou en Muros, no Meixido, unas pedras que hai por fóra de Lira. O Blas de Lezo tocou no Centolo, pasou cunha maniobra e ía para Muros pero antes de chegar xa tocou fondo.  

  • Cal é o barco ou naufraxio que sempre lle vén a mente cando fala destes temas?

Recordo un barco que ía por fóra de Meixido pero non recordo o nome. O capitán pedíanos axuda xa que tiveran unha vía de auga e fora un helicóptero a rescatar aos tripulantes e logrou salvalos a case todos excepto ao capitán, que quedou a bordo. E recordo que el pedía socorro polo HF ata o último momento, e dicía: “que me lleva el mar, que me lleva el mar” e foi ao fondo.  

  • Antes mostraba o seu traballo na súa propia casa pero agora as súas cartografías só se venden na tenda e galería ceense Stoupa e tamén ten un mapa especial na tenda online de Que Pasa na Costa.

Si pero eu tiña os mapas na miña caseta pero tiña traballos que non estaban completos, porque en Fisterra por exemplo, creo que foi no 1929, perdéronse moitas chalupas nesa zona por mor dunha galerna moi forte e como os barquiños de remos non podían ir para a terra tivo que ir por elas un mercante de Corcubión. Logrou rescatar a uns 7 ou 8 barquiños e despois o capitán preguntou se había máis chalupas e dixéranlle que non, pero aínda quedaban 10 ou 12 barquiños no mar e morreu moita xente, como se pode ver nalgúns planos. Outros foran ata Carnota e Lira, xa que o temporal os levou para alí, pero algúns chegaron vivos días máis tarde a Fisterra, e iso que xa os daban por mortos. Prefiero vender as obras fóra da casa pola privacidade, pero ademais todas as que vende si que están completas.  

  • Para a xente que non coñece o término, que é unha chalupa?

Son simplemente botes de remos, barquiños pequenos duns 6 ou 7 metros de largo. Se había un temporal pois...  

  • Acabar de elaborar unha obra en exclusiva para Stoupa e tamén para a nova tenda de QPC. Que significa para vostede poder vender en internet e nunha plataforma que pretende difundir a Costa da Morte por toda a península ibérica?

Eu estou contento a verdade, porque así todos poden ver o meu traballo, e o esforzo que supuxo.  

  • Nesta nova cartografía, mistura os barcos máis salientables e coñecidos que están afundidos na costa e na plataforma entre Camelle e Corrubedo, e vemos que por exemplo o Prestige, non se atopa.

Ah non non, porque non me cabía no mapa (jaja). As miñas cartografías abranguen unhas 40 ou 50 millas, e o Prestige, agora non me lembro ben, pero creo que estaba entre as 150-200 millas. Era imposible metelo.  

  • Agora mesmo hai moitas actividades acuáticas coma por exemplo o buceo onde levan aos turistas a ver algún dos barcos que hai polas nosas augas. Co turismo que hai actualmente pola Costa da Morte, pensa que se lle debería de dar máis valor a eses naufraxios, de cara ós visitantes?

Home claro! É un atractivo que temos aquí, e eu sei de xente que vén dende Madrid a Fisterra para bucear, porque a vida que hai no fondo do mar pola nosa comarca é máis rica. Pero bueno non todo o mundo pode bucear, os nenos por exemplo non poden, hai que saber nada, ter algo de experiencia.  

  • Aínda quedan moitos barcos por documentar.

Sí, porque date conta que eu nos meus planos teño os barcos que afundiron pola plataforma continental, que en términos mariñeiros chamámoslle o cantino, e saes de aquí a 14, 15 ou 16 millas como máximo, a plataforma vai baixando e ao chegar ás 300 brazas xa corta directamente. E nesas profundidades hai unha gran cantidade de barcos afundidos pero claro, non os traballa ninguén, e ademais que tampouco hai peixe de valor, é dicir, tiburóns si pero non merluza ou ollomol por exemplo; a partires dos 300 metros xeralmente xa non hai peixe. Eles van máis cara dentro porque lles dá máis o sol e hai máis plancto, máis alimento. Ti si vas e colles unha pedra a uns 500 metros de profundidade verás que vén limpa coma se viñera dunha canteira e ademáis é volcánica toda; e se a colles a uns 7 ou 8 metros ves que pode estar chea de algas, chea de vida.  

  • Coñece a alguén que dalgún xeito queira continuar coa súa afección? Que siga o seu legado?

Non porque agora xa andan moitos barcos e planeadoras ao mero. Cando eu empecei a ir a por el eramos moi poucos. E por esta zona é raro que non teñan algún plano onde aparezan os barcos afundidos, entón pois xa nada.  

  • E case todos eses planos son seus.

Si, teño miles repartidos incluso por Barcelona e Madrid, e en museos coma o Museo Naval de Madrid, en Fisterra, Noia, Ribeira...  

  • E coñece máis xente que, coma vostede, se adique a recompilar este tipo de información?

Si teño amigos en A Coruña e Malpica que entenden moito desto.   As cartografías de Pepe de Olegario son historia viva da Costa da Morte e todas son únicas. Nunca hai que deixar de apoiar a artesanía da nosa comarca e de Galicia, pois é a cultura que nos identifica.

Máis información

CARTOGRAFÍA DOS BARCOS AFUNDIDOS, DE PEPE DE OLEGARIO na TendaQPC.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/pepe-de-oleghario-a-riqueza-no-mar-esta-aqui/ https://quepasanacosta.gal/os-mapas-de-naufraxios-de-pepe-de-oleghario-uns-verdadeiros-tesouros/ https://quepasanacosta.gal/a-nova-tendaqpc-unha-fiestra-aberta-da-artesania-e-a-cultura-costeira-a-toda-a-peninsula/

Fonte

  • Entrevista realizada por Lidia Fernández Trasmonte, de Stoupa.

Comentarios