Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Rafael Louzán recorrerá a sentenza e defende a súa inocencia

  • A Xunta Directiva da RFGF, "como non pode ser doutra maneira, atende á presunción de inocencia".
Rafael Louzan pechando o acto do Sorteo da Copa da Costa 2020
Rafael Louzan no acto do Sorteo da Copa da Costa 2020
Rafael Louzán recorrerá a sentenza e defende a súa inocencia

Tras coñecer a condena de 2 anos de cárcere e 8 anos de inhabilitación para o exercicio de calquera cargo público, o actual presidente da Federación Gale de Fútbol,  Rafael Louzán, vén de informar que recorrerá a sentenza. Nun comunicado, remarca que o fallo "non é firme", polo que ten o "convencemento claro" de poder demostrar a súa "inocencia" no recurso que presentará ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.

O expresidente da Deputación de Pontevedra explicou que "tal e como testificaron todos os técnicos das distintas administracións implicadas, testemuñas, funcionarios e peritos, que acreditaron en sede xudicial a corrección do procedemento seguido e da execución da totalidade das obras proxectadas". "No entanto, a xuíza que emitiu a resolución xudicial condenatoria, en primeira instancia, non o entendeu así, considerándome responsable no procedemento administrativo polo mero feito de ser a máxima autoridade da Deputación de Pontevedra nese momento, e en ningún caso, tal e como se indica por parte da xuíza, porque haxa probas que evidencien coñecemento e/ou participación pola miña banda nos feitos", apunta.

En todo caso, para el "este fallo se refire a unha actuación que provén dun convenio inicial co Concello de Moraña no ano 2011 para unha infraestrutura deportiva para beneficio dos cidadáns". Considera pois que "a miña actuación neste procedemento, do mesmo xeito que ao longo de toda a miña traxectoria, rexeuse polo único interese de buscar o beneficio dos cidadáns e da provincia de Pontevedra".

Paralelamente, Luisa Piñeiro, a ex alcaldesa de Moraña e ata hoxe delegada da Xunta, tamén condenada no caso, vén de presentar a súa dimisión.

Comunicado da RFGF

Dende a Xunta Directiva da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), tras coñecer a sentenza, manifesta que "os feitos xulgados pertencen a un expediente iniciado no ano 2011 e por tanto alleos á xestión federativa, xa que Rafael Louzán chega á presidencia da RFGF co respaldo maioritario do fútbol galego no ano 2015, sendo refrendado de maneira rotunda no 2018".
A Xunta Directiva da RFGF, "como non pode ser doutra maneira, atende á presunción de inocencia, e confía plenamente que o recurso anunciado polo presidente ante a correspondiente Sala da Audiencia Provincial de Pontevedra devengue na anulación desta sentencia en primeira instancia".

Deste xeito, "de maneira unánime, os directivos da RFGF, queren mostrar o seu apoio público e total ao presidente da RFGF pola xestión realizada durante estes anos e que continúa levando a cabo á fronte do ente federativo".

Novas relacionadas

Comentarios