xoves. 01.05.2025
El tiempo

Escarvando na lenda de San Guillermo

Escarvando na lenda de San Guillermo

Dende a pasada semana, un grupo de 15 persoas da empresa Zeta Arqueoloxía traballan no>Conxunto de San Guillerme. Comandados por Lorena Vidal e adxudicados pola Dirección Xeral de Patrimonio, o grupo comezaron unha nova campaña de excavacións, que se ampliarán ata uns 400 m2.

Hoxe queremos repasar un pouco os aspectos material e mitolóxico do conxunto, para recuperar esa historia que gracias a estas excavacións vai collendo forma. Os achados da última campaña, no 2008, fixeron que a arqueoloxía galega dese a volta e mirase cara a fin do mundo por unha vez. Ademais, demostraron a vinculación do enclave coa ruta xacobea, algo que dende Fisterra valoran comparativamente.

Falamos dunha pequena figura do Santiago peregrino de azabache, restos de cerámica e moedas (que poden ir do século XI ata o XV, e algunhas ata moedas estranxeiras), ou vaina e unha cruz de bronce , entre outros.

O conxunto déixanos varios detalles máis grande, por suposto. A máis coñecida é a "cama de pedra" onde se mantiveron ata hoxe os rituais de fertilidade. Tamén temos restos dunha lareira de material refractario, e uns curiosos grabados heliomorfos na gran rocha do eremitorio, que poden ir dende un sol, demostrando o culto ao Ara Solis, ou unhas simples formas que a erosión creou.

EXCAvacions Ermida San Guillerme en 2009 EXCAvacions Ermida San Guillerme en 2009

A lenda do ermitaño

E para completar a historia queremos recuperar a lenda de San Guillermo de Fiterra. E botamos man da bitácora Promontorio Nerium, de Xoán Silva Pazos, fisterrán e estudiante de filoloxía que en breve será colaborador desta casa. Silva Pazos realizou dos posts concretos sobre o conxunto, un, o primeiro, máis lendario, e outro, o segundo, máis centrado no aspecto material dos achados arqueolóxicos ata o de agora.

Así, Xoán, logo de analizar numerosas fontes explícanos como entende "a lenda do ermitaño":

San Guillermo (lembrado como unha persoa moi pía) era un ermitaño que chegou a Fisterra nun cabalo de ouro. Ao subir ao monte, enterrou no promontorio o cabalo e máis un puñal. Disque quen encontre o cabalo terá riquezas eternas e conseguirá a gloria, mentres que quen atope o puñal, caerá fulminado e irá ó Inferno.

Guillermo estableceuse na ermida que inda hoxe podemos contemplar no cumio leste do Promontorium Nerium. Durante a súa vida obrou multitude de milagres, o máis coñecido era o de que as mulleres estériles pasaran a noite na ermida para que puideran ter un fillo. Un día viñeron uns piratas. Dependendo da versión poden ser franceses, viquingos ou incluso sarracenos. Pouco importa este detalle. A cuestión é que, segundo a lenda, San Guillermo baixou á praia de Cabanas, lugar onde fondearon o barco, e por algún motivo descoñecido foi obsequiado cun barril de viño. Cando intentaba subilo pola montaña, apareceu un campesiño e o pobre Guillermo, agotado, pedíulle axuda. O lugareño resultou ser o demo desfrazado, que en vez de axudarlle tirou do barril ata que o noso santo caeu rolando ata a praia. As consecuencias foron lesións no corpo de San Guillermo, e manchas de viño tinto sobre unha gran laxe de pedra que resultou ser o Ara Solis. Séculos antes, o apóstolo Santiago tirara monte abaixo o famoso altar ata acabar en Cabanas. As manchas do viño de San Guillermo quedarían aí para a eternidade, e a lenda di que sobre esa mesma rocha aparecería, séculos máis tarde, o Santo Cristo.

Con todo, o mesmo autor destas liñas podería afirmar que "o lugar de San Guillermo xa debía de ter importancia antes da aparición da figura de San Guillermo". Para el, como para outros historiadores como Benjamiin Trillo Trillo, o mito pagán da fecundidade na Fisterra chega de épocas precristiás.

Peticións

A bisbarra está preocupada agora, sobre todo, polo que pode marchar da Costa. Dende Fisterra xa solicitan o que pode ser centro de interpretación do Promontorium Nerium, un espazo museístico etnográfico e histórico.

Así, agardamos novos descubrimentos para que expertos na materia poidan xustificar a existencia de San Guillermo antes da Idade Media. Quen sabe se desta atopan o "brazo de prata"? Quen sabe se ao final eran 3 as ermidas, como apunta José Ramón Insua Trava. Iso si, sempre con ollo de non caer en "hipóteses grandilocuentes", que nos deixen quedar mal...

Novas relacionadas

Comentarios