venres. 28.11.2025
El tiempo

A AXI derrubará dous muros da praia da Cruz para intentar solventar os problemas dos áridos na entrada de Muxía

area na estrada na praia da Cruz Muxia 2
Imaxe deste verán
A AXI derrubará dous muros da praia da Cruz para intentar solventar os problemas dos áridos na entrada de Muxía

Leva anos Muxía sufrindo a problemática da invasión dos áridos da praia da Cruz na estrada que dá entrada polo norte á vila. Pero parece que por fin a Xunta vai intentar tomar cartas no asunto. Así se desprende da comisión 2ª do Parlamento galego celebrada onte, onde a unha pregunta formulada polo deputado do BNG, Oscar Insua, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza, informaba das medidas que vai realizar.

A AXI acometerá a eliminación do murete de formigón e o de madeira que separa a praia da Cruz da estrada, que é onde se vai acumulando area. “Veremos os efectos, pero a priori parece que as medidas non van ser moi efectivas, porque a area seguirá remontando a estrada mentres sopre o vento”, apurou Insua en resposta

Oscar Insua volveu levar os probelmas cos aridos na praia da Cruz de Muxia ao Parlamento
Oscar Insua volveu levar os problemas cos áridos na praia da Cruz de Muxia ao Parlamento

Valoración do BNG de Muxía

Pola súa banda, a portavoz municipal do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, manifestou que "levamos tempo pedindo que se actúe na AC-440 desde Berdoias ata Muxía, e moi especialmente na entrada da localidade debido á acumulación de area, o que supón un perigo para os vehículos e tamén para os viandantes, que non poden ir pola beirarrúa porque está chea de area; un día pode pasar algo grave".

Barrientos sinalou que "hai tres organismos implicados nesta situación: a Xunta, Costas e o Concello de Muxía; non é certo que a Xunta estea a realizar limpezas periódicas na estrada, e quen acometeu estes labores nalgún momento foi o Concello". A voceira nacionalista insistiu en que son necesarias "medidas definitivas", e considerou que a medida de eliminación do muro de formigón e madeira "posiblemente sexa insuficiente, pois co vento do nordés a area vai a seguir subindo e invadindo a calzada".
 

Máis novas

Comentarios