Evento
AIM e PP cruzan declaracións ante a falta de pediatra en Malpica
O pasado venres Malpica saía á rúa para protestar contra os recortes do servizo de pediatría do verán. Unha concentración á que acodía o alcalde, o popular Eduardo Parga. Unha presencia que para o voceiro do grupo AIM, Alfredo Cañizo, significó “politizar” a problemática. Cañizo foi máis alá e denunciou que o alcalde anulara unha reunión que Cañizo tiña concertada co xerente do Sergas.
”O falar non ten cancelas”, responde o alcalde Eduardo Parga, que asegura que descoñecía que tivese solicitada a devandita reunión.. “Minte vostede unha vez máis, pero non vai enganar aos veciños e veciñas do noso concello, que xa o coñecen a vostede e saben cal é a súa forma de actuar”.
Parga considera que “o único que politiza todo o que se lle poña por diante é o señor Cañizo. Fíxoo co sector do cerco, coa Garda Civil e agora con outro problema tan serio coma a falta de pediatras. A nós non pode acusarnos de non estar desde o primeiro momento do lado das familias, nin de non facer ante a Administración competente todas as xestións posibles. A falta de pediatras e un problema moi serio, que non afecta unicamente a Malpica, senón a toda Galicia e a toda España, pero que somos conscientes de que hai que intentar solucionar da mellor maneira para garantir unha asistencia sanitaria de calidade aos nosos nenos e nenas”.
Parga explica tamén a súa presencia nunha concentración que trata de esixir medidas concretas ao seu partido a nivel autonómico. “Desde o PP seguiremos estando do lado das nais e dos pais, protestando con eles cando sexa preciso e realizando as xestións necesarias para intentar solucionar un problema do que non son responsables nin as familias nin o Concello de Malpica.”