Evento
Cine en Muros
A PALABRA XUSTA, no centro cultural de Muros o sábado 8 de abril
Día e hora: sábado 8 de abril ás 21:30 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Cine: “A palabra xusta”
A finais de decembro pasado chega ás pantallas “A palabra xusta”. O documental dirixido polo ourensán Miguel Piñeiro que conta a historia de Antía Cal, unha mestra comprometida que fundou en Vigo o colexio Rosalía de Castro, que foi coma un faro revolucionario para a nova pedagoxía. A música é de Nani García e as voces de Javier Gutiérrez e Rebeca Montero. As paisaxes de Muras e unha casa parada no tempo fana lembrar como dende nena, en Cuba, comezou a soñar con ser cando fose maior, como as primas de súa nai, universitarias e traballadoras. No filme todos dialogan con Antía Cal, unha mestra e pedagoga de 92 anos que fai un balance honesto e sen prexuízos do tempo que lle tocou vivir.
Por medio das súas palabras en galego –unha lingua minoritaria prohibida durante anos-‐ amósanos a España gris dos anos 50, as súas viaxes por Europa para atoparse cunha pedagoxía avanzada que a leva a fundar en 1961 unha escola laica, igualitaria, conectada coa realidade inmediata e onde as clases se impartían en distintas linguas.
Ante a cámara Tita vai debullando os seus recordos, os seus pensamentos, as súas emocións. Antía Cal busca para nós A palabra xusta para contarnos as súas orixes, a súa infancia, o espertar da súa vocación, o desexo de saber, a súa pelexa para poder estudar, o seu encontro cunha universidade ancorada no pasado, a chegada do grande amor da súa vida, a fundación dunha escola que rompía co establecido... Todo canto a conformou como muller, como mestra e como pedagoga.
A palabra xusta é un xogo inventado por unha profesora para os seus alumnos. Ao rematar a clase cada neno ten que escribir nun pequeno papel e do xeito máis sintético o que aprendeu na clase do día. Se é posible nunha soa palabra. As respostas póñense na parede e entre todos elixen a mellor:
A palabra xusta.
A palabra xusta é unha historia de amor e de educación; tamén especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero.
En marzo estreouse no pais.com, e en 48 horas acadou 15000 visionados.
Apta para todos os públicos
O equipo de goberno de Muros quixo contar con este filme na programación do centro cultural, agardando que teña boa acollida e sexa do agrado do noso público.
As entradas son a 3 euros, e xa se poden adquirir ou reservar nas oficinas do centro cultural de Muros.