Evento
Exposición efémera en Fisterra
23/xuño/2017 a 23/xuño/2017
4:00 h a 7:00 h
Casa das Peritas
12:47 21/06/17
Campaña en Verkami para salvar O gran Libro dos Señores Importantes da queima
A Casa das Peritas volverá abrir as súas portas na aldea de Mallas (Fisterra) para unha exposición fugaz de apenas 3 horas de duración (ver localización).
Será este venres 23 de xuño entre as 16:00h e as 19:00h, a tarde antes da noite na que Natasha Lelenco botará ao lume os Señores Importantes que aínda non foron adoptados, arredor dunha ducia de retratos figurativos sobre cortes de madeira que son os que fican do proxecto que ven expoñéndose por vilas e cidades de Galicia desde o pasado mes de decembro.
Ademais deles, Natasha Lelenco presentará os últimos 3 personaxes que se suman ao proxecto e que formarán tamén parte do Gran Libro dos Señores Importantes que está sendo financiado a través dunha campaña de micromecenado
Os Señores Importantes son, segundo Natasha "espellos do peor de nós mesmos, arquetipos de personaxes dominados por cuestións que a ninguén son alleas como a avaricia, a egolatría desmedida, a soberbia, a envexa", unha reflexión en forma de proxecto artístico arredor do que é importante e do que non o é, do efémero das nosas vidas e do valor das cousas.
A do venres será a última oportunidade de ver (e adoptar) algún destos Señores no espazo creativo no que naceu o proxecto, o estudio desde o que a artista traballa na aldea de Mallas, e que desde a pasada Semana Santa abre as súas portas, esporádicamente, como ocasional galería de arte.