Evento
Festas do Carme de Camariñas
O próximo sábado, 14 de xullo, dan comezo toda unha batería de actos que, ao longo do 15, 16, 17 e 18 de xullo desenvolven a programación das Festas do Carme de Camariñas.
Este ano, e dadas as dificultades para constituír unha Comisión con tempo suficiente para afrontar unha organización necesariamente complexa, a programación e execución dos traballos que dan forma ás festas fíxose nun tempo record de apenas dous meses. A pesar das dificultades creemos, dende o equipo humano que fixo posible este milagro, que se ten acadado un programa digno que volve a situar as Festas do Carme de Camariñas entre as primeiras de Galicia.
1.- O sábado 14, as 20 horas, entregarase o recoñecemento CAMARIÑANA DE HONRA á atleta camariñana Paula Esteiro Ramos. Será na Casa de Pedra. Pola noite haberá música a cargo da Disco Móvil Impacto que estará presente nas festas tódolos días de madrugada.
2.- O domingo 15 celebrarase a MiniDanza a cargo dos nenos e das nenas do Campamento Urbano -mais de 150- que rematará na Praza do Concello onde leerá o Pregón das Festas a Camariñana de Honra Paula Esteiro Ramos. Será presentada por Marcial Mouzo, pregoeiro de 2017. A Sesión Vermut correrá a cargo de Judit Cundíns. Pola noite contaremos coa actuación do COMBO DOMINICANO.
3.- O luns 16, día do Carme, comezarán os actos cunha homenaxe e honra a tódolos homes do mar e membros da Danza de Arcos que nos deixaron neste ano. Este acto contará coa actuación da soprano Sole Vidal e farase na Praza de Insuela desde a Danza de Arcos sairá, para recoller ás autoridades, cara a Praza do Carme desde onde partirán bailando polas rúas de Camariñas ate a igrexa parroquial de San Xurxo. De alí partirá a procesión cara o porto onde, como é tradicional, celebrarase a Misa do Carme. Posteriormente sairá a procesión marítima rumbo a Muxía e Merexo.
Esta xornada estará amenizada por grupos folclóricos, bandas de música e actucións de cantareiras que levarán a festa a tódolos recunchos da vila de Camariñas. As actuacións musicais dese día estarán a cargo das orquestas RITMO JOVEN e GRUPO BOMBA
Mención especial merece o programa de fogos de artificio cos que conta esta edición do Carme. Ao retorno da procesión marítima haberá unha monumental traca e, xa de madrugada, os camariñáns e visitantes poderán desfrutar dunha das maiores sesións de fogos artificiais que hoxe se poden ver en Galicia.
4.- O martes 17, as 12, procesión para devolver á imaxe da Virxe do Carme á igrexa parroquial de San Xurxo, acompañada da Danza de Arcos, onde será recibida por unha gran trata de fogos artificiais. Seguirán as actuacións de grupos folclóricos e cantareiras ao longo de todo o día e, pola noite, gran verbena a cargo dos grupos MARBELLA e PARÍS DE NOIA,
5.- E o 18, mércores, Gran Sardiñada na praia da Area da Vila con actuacións musicais, grupos folk, xogos populares e actividades diversas, para despedir as festas deste ano.
Dende a Comisión de Festas queremos agradecer a gran colaboración de tódolos camariñáns, en Camariñas e no mundo enteiro, que coa súa xenerosidade fan posible este milagro. Ás autoridades locais que se puxeron a nosa disposición dende o minuto un. Á hostelería local e as empresas que sempre nos abriron as súas portas. A Confraría de pescadores que colaborou coma nunca. E a moitos donantes anónimos que, non por descoñecidos, son menos importantes. E, moi especialmente, a tódolos integrantes da Danza de Arcos porque eles, xunto coa Procesión Marítima, son a auténtica imaxe do Carme. Gracias a todos.
https://quepasanacosta.gal/o-carme-de-camarinas-un-exemplo-da-falta-de-relevo-nas-comisions-de-festas/