Evento
FIOT 2019 (III)

Terceira fin de semana do Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo, cunha marea de diferentes actividades. Programación de Sala, o III Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, a Rúa dos Contos, o Teatro de Rúa, a Escola do Espectador, ou a ruta gastronómica do Dalle un Bocado ao FIOT, preséntanse como citas obrigadas.
Pratos fortes
O Pazo da Cultura acollerá este venres 11, ás 21.00 horas, a estrea en Galicia de Juguetes rotos, de Producciones Rokamboleskas, unha creación da dramaturga e directora Carolina Román, quen propón unha reflexión sobre a identidade sexual, o empoderamento e a capacidade da sociedade para dar cabida ao colectivo transs no marco
dos valores e canons sociais da España franquista, concretamente nos anos 60 e 70.
Xa o domingo 13, ás 20:30 chegará a Carballo un dos grandes éxitos deste 2019: Jauría, a dramaturxia de Jordi Casanovas creada a partir da transcrición de fragmentos das declaracións da demandante e dos acusados do xuízo de La Manada. Esta peza de teatro documento, que pon o foco nun caso que marcou un antes e un despois na relación social coa violencia sexual, está dirixida con mestría polo recoñecido Miguel del Arco, gañador do Premio Nacional de Teatro 2017 co proxecto El Pavón Teatro Kamikaze e director de obras como Misántropo, Juicio a una zorra ou Ricardo III.
III CERTAME DE MICRO-ESCENAS METRO CADRADO
Esta fin de semana dará comezo unha das liñas de programación máis singulares do Festival Internacional Outono de Teatro, como é o Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, unha proposta que pretende visibilizar o traballo de artistas e compañías emerxentes á vez que o público vive unha nova e intensa experiencia teatral.
As primeiras dúas funcións terán lugar este sábado, 12 de outubro, da man das compañías Encontarte Producciones e Catro Gatos Teatro. A primeira delas presentará Sorpresa, unha comedia dramática que conta a historia de Nora, “unha muller católica, apostólica e romana” que ten preparada unha sorpresa para o seu home polo seu aniversario, pero este non aparece. Sorpresa é unha historia de segundas oportunidades e de mulleres empoderadas que se representará ás 13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas no Casino 1889 de Carballo.
Dado a limitación física de cada un dos espazos que acolle o M 2 , a organización do FIOT recomenda facer unha reserva previa da entrada ao correo electrónico fiot.microteatroentada@gmail.com, indicando o nome do espectáculo, horario, nome e apelidos da persoa asistente e un teléfono de contacto.
A RÚA DOS CONTOS DESPÍDESE DA SÚA 21ª EDICIÓN
O ciclo de narración oral Rúa dos Contos pechará este sábado a súa 21ª edición cun trío de singulares espectáculos ateigados de humor e ironía. Así, na noite do día 12, sucederanse as actuacións nos locais de hostalería de Carballo como peche da cita máis irreverente do FIOT. A primeira en saír á escena será María da Pontragha, vocalista nos grupos Bouba e Sacha na Horta, que ofrecerá, con A volta dos contos, unha auténtica viaxe pola tradición oral. A cita terá lugar ás 21.00 horas no Café-Bar Ranqui.
De seguido, ás 22.30 horas no Bulevar Music Café, a compañía 3 Patas presentará Comedia improvisada, un show de improvisación teatral único e que en cada ocasión é diferente, xa que se constrúe a partir de historias que nacen de propostas do público.
Finalmente, o monologuista e actor Federico Pérez dará boa conta no FIOT dalgún dos fitos e ocorrencias máis orixinais e amenas que teñen como inspiración as tabernas do país, eses espazos que atesouran centros de historias interesantes. A cita, como non podería ser doutro xeito, será contra a media noite nun local de hostalería: A Barra Bar.
TEATRO DE RÚA
O Teatro de Rúa despídese tamén do público de Carballo até o ano que vén coa proposta DistanS, (o sábado 12 ás 19:30h na praza do Concello) o espectáculo da compañía andaluza Vol’e temps que acadou, neste 2019, o Premio Fetén ao Mellor Espectáculo de Rúa e o Premio Lorca ao Mellor Espectáculo de Circo. Acrobacias, malabares, música ao vivo, slapstick ou teatro xestual son algunhas das ferramentas que achegan unha historia próxima e emocionante que fala da amizade, lembranzas, a fraxilidade do ser humano, a soidade e o amor.
Escola do Espectador
O sábado 12 celebrarase a segunda sesión da Escola do espectador, o obradoiro gratuíto que coordina o xornalista Camilo Franco e que este ano pretende achegar ao público as claves do teatro social ou político. Logo de abordar o concepto de crise e as súas consecuencias nas artes escénicas, a segunda cita pretende explicar a confusión entre realidade e realismo, e afondar en como o teatro conta a realidade deste o drama e a comedia.
A sesión terá lugar á hora do aperitivo, entre as 12.00 horas e as 13.30 horas, en A Barra Bar. O acceso é libre e gratuíto, pero cómpre comunicar a participación a través do correo electrónico fiot@fiot.gal.