Evento
Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros: Fillos do Sol

- Día e hora: sábado 27 de abril, ás 21:30 h
- Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
- Actividade: Teatro – Contraproducións - “Fillos do Sol”
Elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas.
O bardo bergantiñán, xa octoxenario e comido pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas, tendo por interlocutores un personaxe nacido da súa perturbación e unha moza, criada na pensión na que está albergado.
Coas dúas tramas entrelazadas Fillos do Sol combina momentos de reflexión, momentos de diversión e comicidade, de emoción, de reivindicación, de tenrura, de controversia... Con ritmos cambiantes e distintos rexistros. A reflexión sobre a historia e a creación literaria, sobre a lingua e a definición da identidade colectiva. A comicidade da expresión e a sabedoría popular que desdramatiza as situacións. A emoción e a tenrura das relacións humanas. A controversia e a reivindicación dun novo tempo que, nos inicios do século XX, pugna por se abrir paso, e que reclama un novo papel da muller na sociedade.
Cándido Pazó é o autor e director deste espectáculo, e desdobrou o personaxe de Pondal en dous: o novo e o vello poeta Eduardo Pondal, que comparten presenza e tempo. Xorde así un diálogo que nos conduce a través da narración e afonda nos seus pensamentos. Axudado por un traballo actoral impecable, César Cambeiro dá fantástica vida ao vello Pondal, complementado polo novo Pondal, interpretado por Adrián Ríos e Rosiña, a criada, Alba Bermúdez, que engade luz á obra, no papel desa criada que se erixe como exemplo de muller loitadora e precursora dunha liberación feminina.
Hai unha atmosfera cálida e agarimosa, que nos envolve todo o tempo.
Fillos do Sol é unha coprodución do FIOT de Carballo e Contraproducións, co auspicio da Fundación Eduardo Pondal, para celebrar o 100 aniversario da morte deste grande poeta.
As entradas, con un prezo de 3,50 €, xa poden ser adquiridas ou reservadas nas oficinas do centro cultural de Muros, ou no teléfono 981762294.
O espectáculo está incluído na Rede Galega de teatros e auditorios.