Evento
Presentación dun libro en Vimianzo
17/xuño/2016 a 17/xuño/2016
22:00 h a 22:00 h
14:11 16/06/16
Manuel Iglesias Turnes presentará mañá en Vimianzo a súa última novela, Que non te aten
Que non te aten é a segunda novela do escritor da Baña. A súa anterior obra As rapazas de Xan vai xa pola 3ª edición.
Este venres 17 de xuño ás 22:00 h na Casa da Cultura de Vimianzo terá lugar a presentación da última novela do escritor da Baña, Manuel Iglesias Turnes.
Que non te aten conta a historia de Marcos, que traballa na Agro da Presa, a explotación leiteira de cincocentas cabezas que a súa familia leva en Cabanas, unha parroquia aparentemente deserta de xente, que non queda moi lonxe de Santiago. O seu pai sempre quixo ter a casa máis grande da aldea e que fose a que entregase máis leite. Unha carreira tola na que tamén están os veciños da granxa de O Penedo cos que non se leva. A nai de Marcos ocúpase do muxido e dos traballos da casa, mentres que o seu irmán Daniel e a súa cuñada Iria van co portátil a todas as partes para non perder nunca o control do que sucede nas vacarizas. Os avós coidan da horta e María, a súa irmá, despois de rematar a carreira, prepara oposicións nunha academia de Compostela.
Turnes presenta un potente relato da vida interior dunha aldea do noso tempo, dende a ollada das persoas novas que apostaron por construír alí as súas vidas.
Na presentación participarán Anselmo Ramos Martínez, gandeiro e concelleiro de medio ambiente de Vimianzo; Cándido Iglesias Turnes, gandeiro; César Ramos Domínguez, mestre do CEIP de Santa Comba e Manuel Iglesias Turnes.
Lugar: Casa da Cultura de Vimianzo
Hora: 22:00 h