Evento
Proxección de Sicixia en Muros
- SICIXIA, no centro cultural de Muros o sábado 18 de marzo ás 21:30 h.
Sicixia é unha longametraxe de ficción rodada na Costa da Morte e retrata o seu inigualable patrimonio, mesturando ficción e realidade.
Xiao, enxeñeiro de son, recibe un encargo para gravar os singulares sons de Costa da Morte. Alí coñece a Olalla, unha guía local que recolle algas no océano Atlántico e que lle axudará a mergullarse na idiosincrasia do lugar. A partir de aí, nesa lendaria Finisterrae, as súas vidas fuxirán ao seu control coma mareas rexidas por unha lei superior.
O equipo artístico está composto por Monti Castiñeiras, en Xiao, Marta Lado, en Olalla, Arantza Villar, Artur Trillo, Daniel Trillo e Tamara Canosa.
O director é Ignacio Vilar, natural dunha aldea de Ourense. Aos dezaoito anos trasládase a Barcelona, onde funda unha escola de cine. Logo regresa a Galicia e funda a produtora Vía Láctea Filmes, na que dirixe longametraxes, curtas, documentais e series documentais. A súa anterior longametraxe, A esmorga (2014), bateu récords de asistencia e recibiu unha excelente acollida de público e crítica. Foi a primeira longametraxe rodada en galego nominada a un Premio Goya e a máis premiada na XX edición de Cinespaña, Toulouse. Sicixia tamén foi seleccionada na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia). Ignacio Vilar recibiu o Premio da Cultura Galega en 2015 polo seu compromiso coa promoción da lingua e cultura galegas. Sicixia é a súa última película.
As entradas son a 3 euros, e xa se poden adquirir ou reservar nas oficinas do centro cultural de Muros.