Venres. 29.03.2024
El tiempo
que pasa na costa

Evento

Tardes de inverno en familia en Vimianzo con Producións Excéntricas Teatrais

16/feb./2020
18:30 h
Tardes de inverno na Casa da Cultura de Vimianzo 2020
Tardes de inverno en familia en Vimianzo con Producións Excéntricas Teatrais

Saben moi ben a importancia de manter unha oferta continua para manter viva a Casa da Cultura. E nesa liña vai a programación infantil do Auditorio da Casa da Cultura para os meses de febreiro e marzo. O pasado domingo abríu o programa Antón e a pasteleira Tomasa de Teatro Calavera, pero queda moito por diante.

O 16 de febreiro será a quenda de Producións teatrais Excéntricas que nos achega a Vimianzo Cartóons, o seu primeiro espectáculo para público familiar. É un espectáculo de estilo clown, con temas musicais e que ten como eixo central a reciclaxe, unido a outros temas como a amizade, a solidariedade, a hixiene e a importancia do exercicio físico.

Os populares actores Victor Mosqueira e Josito Porto danlle vida aos dous clowns da montaxe, que forma parte da celebración do 15o aniversario da compañía. Estes particulares clowns viven fóra do sistema, rodeados de cartóns e o que a sociedade considera lixo é para eles unha materia prima moi valiosa para facer todo tipo de construcións e aparellos.

Marzo contra a violencia de xénero

No mes de marzo as compañías representarán espectáculos con temática contra a violencia de xénero enmarcada na medida de sensibilización e prevención- educación do Pacto do Estado contra a violencia de xénero.

O 1 de marzo Rilo&Penadique farannos chegar fermosas historias contadas coa incrible capacidade de narrar de Vero Rilo e a dozura musical da acordeonista Sonsoles Penadique. No Pozo das señoras falarannos de historias ben sorprendentes protagonizadas por mulleres e fiadas por pequenas correntes de auga e emocións.

O 15 de marzo Raquel Queizás achegaranos contos pola igualdade Somos iguais. Nesta obra Queliña, unha nena que quere ser piloto, rompe os estereotipos que abundan nos contos e preséntanos a nenas decididas e nenos sensibles. A través dos contos con esta obra búscase previr dende a nenez todo tipo de violencia mediante novos modelos de feminidade e masculinidade rachando así cos roles e estereotipos asignados.

O 29 de marzo pecharase a programación co cómico e narrador oral Pedro Brandariz . Non máis princesas é un espectáculo inspirado en contos clásicos cunha clara mensaxe de igualdade e que avogan por romper con estereotipos asociados ao xénero.

Comentarios