Milagres da Virxe de Pastoriza nas comarcas de Bergantiños e Soneira

A miúdo, cando acudimos a algúns santuarios de certa importancia, contemplamos como nos seus muros atópanse pequenas táboas pintadas ou placas que dan conta dalgún favor obtido pola advocación que se venera nese templo, engadindo a data, lugar, nome e unha pequena explicación do sucedido. Deste xeito, estes exvotos, onde o texto moitas veces era ilustrado por unha pequena representación para comprensión daqueles que non sabían ler, eran a mellor propaganda que un santuario podía ter cara os devotos e fieis. Na igrexa parroquial de Sísamo conservamos unha pequena táboa que conta o seguinte:“Rosa García, vecina de Santiago de Sísamo, hallándose de un parto muy apurada y desahuciada de los cirujanos ofreció a María Santísima del Carmen esta limosna y luego parió el día 1 de marzo de 1771”. Aínda que aquí é un único exemplo, temos que salientar auténticos repertorios de exvotos, reunidos moitas veces en retablos, nos santuarios da Escravitude, en Padrón, ou o da Virxe de Pastoriza, en Arteixo.
Este último centro ten as súas raíces na Idade Media, onde segundo a tradición apareceu a imaxe da Virxe oculta entre unhas penas, onde foi atopada por unha pastora; de aí derivou a advocación de Pastoriza. Pola situación estratéxica, preto da Coruña e próximo ao mar, este título mariano tivo unha gran difusión por toda a diocese a partir de mediados do século XVII, sendo un gran apóstolo da devoción á Pastoriza o P. Ignacio García Gómez, da Compañía de Xesús, nado en San Breixo de Oza (Carballo) e misioneiro en Chile. En Santiago de Chile fundou cara mediados do século XVIII unha igrexa, destinada ao convento das monxas dominicas, e que puxo baixo o padroádego de Santa María de Pastoriza. Do mesmo xeito, en Andalucía parece que chegaron noticias desta advocación coruñesa; así, no ano 1639, estando Manuel Faxardo, andaluz que habitaba nunha illa en Santo Domingo, sufriu unha mordedura dunha serpe e, ante tal suceso, acudiu á Virxe de Pastoriza, véndose ao momento libre de todo mal e co xenio necesario para matar o réptil e quitarlle a pel. De volta na Península, Faxardo pasou por Pastoriza para deixar como exvoto os restos da serpe. Como se experimentaban tantos favores e milagres dun lado a outro de Galicia e alén destas terras, decidiuse crear un libro ante a insuficiencia das táboas penduradas nos muros para contar os feitos sucedidos. Estes papeis foron publicados e estudados por Santiago Daviña Sáinz. A continuación ofrecemos aqueles que competen á comarca de Bergantiños e Soneira:
Un dos primeiros milagres que Daviña recolle no seu artigo, publicado en Nalgures, aconteceu na Coresma de 1697: estando no mar Xosé de Lago e varios compañeiros naturais de Malpica, durmindo de noite na embarcación, estalou unha tormenta no ceo que fixo derribar todo, deixando aos navegantes nas augas. Como a noite era escura e non vían a terra, nadaron como puideron sen saber cara onde ían, polo que se encomendaron á Virxe de Pastoriza co fin de que os guiara. Así sucedeu, e ao pouco tempo atoparon unhas penas, a onde o mar expulsou as súas roupas, redes e o pouco diñeiro que levaban enriba. Chegados á casa, fixeron voto de ir ao santuario coas súas familias, a onde acudiron con toda devoción, traendo como recordo un xerro de auga da fonte. Ao regresar a Malpica atopáronse cunha muller que levaba endiañada catro anos, sen falar e medio tolleita. Ao ver aos romeiros coa auga, o demo falou por boca dela, pedindo que arredasen de alí.
En decembro de 1700, Xoán Vidal Cancelo e varios compañeiros veciños de Caión saíron a pescar baleas, como se acostumaba naquela vila. Estando no mar atoparon unha balea acompañada da súa cría; vendo que esta última resultaba máis fácil de atrapar, lanzaron un arpón, coa mala sorte de que a balea grande se enfureceu de tal xeito que comezou a atacar a embarcación. Véndose case a pique, os mariñeiros pediron axuda á Virxe de Pastoriza; como puideron, os mariñeiros comezaron a remar, obtiveron a presa e lograron chegar ao porto.
O 13 de outubro de 1701, Felipe García, natural de Malpica, saíu xunto con varias lanchas do porto de Sada acompañado de varias mulleres que traían mercadorías; no medio do camiño sorprendeunos unha tormenta, poñendo a todos en perigo. Logo de acudir á Virxe de Pastoriza, lograron chegar a terra; as mulleres, vendo a súa salvación, acudiron descalzas, e aínda molladas polo temporal, cara o santuario, en sinal de agradecemento.
O martes 14 de febreiro de 1702, Fernando Amigo, veciño de Malpica, viña xunto con varias lanchas do medio do mar; xunto as illas Sisargas colleunos a noite. No medio desta, un temporal comezou a soprar ameazando con levar a todos os mariñeiros a pique. Logo de rezar á Virxe de Pastoriza e de ofrecer unha Misa cantada, sen remar nin outra cousa, os mariñeiros chegaron ao porto de Redes, onde lograron desembarcar.
O 4 de xuño de 1704, a Xoán Vidal e seis compañeiros de Malpica colleunos a noite no mar; logo de bater nunhas penas, co perigo de afundir, acudiron á Virxe de Pastoriza, e de forma incrible lograron chegar a terra e salvarse. Logo deste feito peregrinaron ao santuario, ofrecendo unha Misa cantada polo favor recibido.
O 8 de maio de 1708, Pedro García de Leis, natural de Corme, saíu no barco denominado Nosa Señora da Concepción, da que era mestre xunto con Domingo Varela, Xacobe San Xiao, Francisco de Rúa e Ambrosio Martelo, coa idea de ir pescar congro a tres leguas das Sisargas. Alí chegaron o mércores 9, tirando a áncora e pescando en unión de dous navíos tamén de Corme, dos que eran mestres Blas de Lema e Santiago Sande. Ao anoitecer daquel día formouse unha tormenta no ceo, de tronos, pedrazo e chuvia que comezou a revolver o mar e a ameazar con afundir aquelas embarcacións. Os mariñeiros de Pedro García comezaron a rezar o Rosario e a invocar á Virxe de Pastoriza; de súpeto, unha luz, como dunha vela, comezou a andar polo barco. García de Leis intentaba perseguila, de maneira que cando estaba preto dela, esta escapaba. Calmada a tormenta, os outros dous barcos de Corme desapareceron, e eles mantivéronse a frote, incluso noutra tormenta que se formou cara a madrugada. Logo de vencer esta, os ventos leváronos cara San Pedro de Visma, onde desembarcaron e acudiron ao santuario de Pastoriza, onde mandaron dicir unha Misa e puxeron por escrito este feito.
En novembro de 1701, Xosé Lago e Domingo Martelo, naturais de Malpica, saíron con outras lanchas, unhas tres, de Caión cara o seu porto natal. No medio da noite unha tormenta complicou a travesía: uns foron parar ao porto de Langosteira e os malpicáns, logo de invocar á Pastoriza, chegaron sen rumbo ao seu destino.
En setembro de 1708, Pedro de Sande, mariñeiro de Laxe, estaba todo garboso coa súa nova embarcación. Sen embargo, ao pouco unha tormenta afectou a lancha, rompendo o amarre; como vía en perigo o seu patrimonio, invocou á Virxe de Pastoriza, quen mantivo amarrada a nave por un fío tan delgado do pouco que quedou da corda, que podía enfiarse, segundo apunta do documento, polo ollo dunha agulla.
A finais do século XVII varios barcos de piratas musulmáns asaltaban e ameazaban a pesca na ría de Camariñas e Muxía. No ano 1693, uns mouros intentaban asaltar unha barca que era de Pontevedra; avisados do perigo de ser roubados e exterminados, invocaron á Virxe de Pastoriza, quen os librou milagrosamente deste mal. O mesmo sucedeu cunha fragata no verán de 1696.
Xa en terra, o 7 de marzo de 1704, un criado de Francisco Gómez, natural de Santiago de Vilaño, estaba serrando un carballo de boas dimensións, coa mala sorte de que cando caeu a árbore, pillou ao servente debaixo. Logo de ser acudido e liberado, estivo o rapaz seis horas sen acordo, botando sangue pola boca; o seu amo, desexando a súa saúde, acudiu á Virxe de Pastoriza, quedando libre e recuperándose deste accidente ata volver á súa vida normal.
En maio de 1704, Ventura Lorenzo, natural de Traba, estando mal do estómago dende había seis meses, invocou á Virxe da Pastoriza e ao punto expulsou polo ano unha agulla de ferro, obxecto que presentou unha vez que foi ao santuario para agradecer a súa curación. En xullo de 1701, tres mulleres endiañadas, unha de catorce anos veciña de Caión, outra de Cances e outra de Malpica, foron en romaxe á Pastoriza.
Estando alí, coa intercesión da Virxe, unha delas expulsou un cravo, outra unha pedra e, a restante, que estaba tolleita, recuperouse de todo. O 11 de marzo de 1741, Francisco Rodríguez, veciño de Santiago de Sísamo, mandou de volta un rosario de ámbar prestado por Juan Antonio del Río, benfeitor do santuario; este obxecto piadoso fora ofrecido como reliquia ao bergantiñán para que sandara a súa sobriña, María Sánchez de Taibo, que logrou sandar da súa enfermidade poñendo en contacto este rosario pasado pola Virxe. Obtida a curación nunha noite de 1738, Francisco Rodríguez enviou 198 reais para que Juan Antonio de Río elaborase algunha prenda coa que vestir a Virxe.
A devoción a Nosa Señora de Pastoriza chegou, tamén, cara terras de Soneira; así, atopamos nun ano descoñecido a curación de Antonio do Monte, veciño de Gándara, que estaba próximo a morrer. Sen embargo, a milagre máis sonado foi o sucedido en 1696, recollido nun documento do 7 de maio ante o coéngo Andrés do Campo, da Colexiata da Coruña e xuíz eclesiástico: María de Antelo, viúva de Domingo de Breixo, natural de San Andrés de Zas, de trinta e seis anos, relatou como logo do parto quedou tolleita dun lado e sen fala algunha. En marzo de 1695 estando durmindo, soñou cunha imaxe da Virxe que ela nunca antes vira, e a que rogaba que lle dese a curación. Na Coresma de 1696 botouse a andar sen rumbo, visitando moitas igrexas e ermidas por se atopaba aquela imaxe. Estando na Coruña, desanimada por non dar con ela nin poder preguntar onde se atopaba por estar sen fala, decidiu voltar á súa terra, dándose a casualidade que chegou á Pastoriza. Leda por se aquel era o destino, chegou o Sábado Santo, día 20 de abril, moi cedo; como a igrexa aínda estaba pechada, chamou á casa da ermitá, e por sinais logrou que lle abrise a porta. Tal foi a súa sorpresa que atopou a mesma Virxe que se lle revelara en soños. Ao día seguinte era o Domingo de Pascua; estando na Misa, no momento de alzar a Sagrada Forma, a tolleita de Zas logrou recuperar a mobilidade dunha man, e pouco a pouco comezaron a regresarlle os membros ao seu lugar. Rezando incansablemente, pediu no só a total saúde, senón tamén a fala, coa que poder contar o feito: o martes de Pascua, estando de novo no santuario, comezou a falar con total normalidade, expresando quen era, de onde viña e o que lle sucedera.
Finalmente, outra vila favorecida pola Virxe de Pastoriza foi a de Camariñas, concretamente con tres casos sucedidos en 1707: o primeiro deles foi en xuño de 1707; Francisco Lema levaba tres anos enfermo, logo de encomendarse á Nosa Señora, logrou a saúde, peregrinou ao santuario e trouxo como recordo unhas pedras pequenas das penas onde aparecera a Virxe. En xullo, Juan Prado, veciño do lugar, estaba afectado dun mal do que non eran capaces de dominalo nin doce homes; Lema triturou unhas areas daquelas que trouxera de Arteixo, diluínas nun vaso con auga, e despois de darllas a beber a Juan Prado, este obtivo a súa recuperación. En setembro de 1707, o 15 daquel mes, Antonio de Canosa viu como o lume prendera na súa casa, logrando escapar xunto cunha criada. A súa muller, Alberta Branca, non era capaz de saír por unha ventá, xa que estaba en embarazada de seis meses. Logo de acudirlle cunha escaleira, ofreceuse á Pastoriza, logrando que a súa esposa, pese o seu estado, lograse escapar por unha fiestra de escasas dimensións. Finalmente, nese mesmo mes, María Álvarez viña chamando nas vacas, que traían un carro cargado de leña; pasando polo medio da vila de Camariñas, a rapaza caeu ao chan, coa mala sorte que o gando pasou por riba dela co carro. No mesmo intre, a moza acordouse da Virxe de Pastoriza, saíndo sa e salva daquel feito.
Máis artigos de Luís Bermúdez
- Santos e marcos: a discusión entre san Xián e santa Baia polo lugar de Lume da Cova
- A pirotecnia e as festas de Bergantiños no pasado
- A supresión e anexión das parroquias de San Xusto e Verdes
- Os toques das campás en Bergantiños e o contrato das campás de Oza, Xaviña e Lemaio
- As capelanías existentes en Bergantiños a mediados do século XVIII
- O preito de Santa Minia de Seavia (1870)
- Algunhas sepulturas históricas nas igrexas da zona de Bergantiños
- Don Nicolás Varela Díaz: un fillo ilustre da comarca de Bergantiños
- A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada
- A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco
- A capela das Salgueiras, en Coristanco: de ermida particular a templo veciñal
- A devoción a san Roque na comarca de Bergantiños