Evento
Teatro en Muros
Comeza forte a tempada teatral no centro cultural e xuvenil de Muros, esta fin de semana poderemos gozar de dous espectáculos, un para adultos o venres ás 21:30 e outro para público familiar, o sábado ás 18:00 h, concretamente trátase de “Goldi libre!” e o musical “O Mundo máxico de Pinocho”
Por diante quédanos unha importante programación de teatro para este outono, e no mes de outubro visitaranos ademais a compañía Contraproducións, que poñerá en escena a súa nova obra “Nacidas libres”, e, para público adulto, poderemos contar tamén cun espectáculo de teatro amador o día 28 e a proxección de “A praia dos afogados”, o día 14.
VENRES, 6 DE OUTUBRO, 21:30 H.
“Goldi libre!” é un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión, un dos primeiros e máis fortes movementos de desobediencia civil xurdidos despois da Transición en España, que levou a centos de xoves ao cárcere como presos de conciencia e que tivo como consecuencia inmediata a suspensión do servizo militar obrigatorio despois de máis de 150 anos de vixencia. Un traballo feito a partir da memoria, a experiencia persoal e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi xulgado e condenado a prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña. Dende unha perspectiva autocrítica, distanciada e irreverente, a obra ofrece ademais unha panorámica desenfadada do activismo social e político da esquerda dos anos 80 e 90 do século XX, cuestionando algúns dos mitos da loita antimilitarista. Trátase por tanto de conectar a memoria individual coa memoria colectiva dunha xeración e co imaxinario dunha época a través dun dispositivo especificamente teatral.
Goldi libre é, tamén, o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral promovido e custodiado por Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.
A Berberecheira é un banco marisqueiro enriquecido polas mareas que entran por unha Boca do Río aberta na praia de Carnota. Un criadeiro natural custodiado por xentes da zona para uso propio e goce do resto do mundo. De aí nace a idea desta outra Berberecheira teatral.
En escena: César Goldi. Dramaturxia, dirección: Xron. Xefa de produción/asistencia dirección: Patricia de Lorenzo. Escrita: César Goldi, Xron, Manuel Cortés. Recomendada para maiores de 12 anos.
SÁBADO, 7 DE OUTUBRO, 18:00 H.
EducaTeatro Producións, creadora tamén dos exitosos musicais ‘Carapuchiña Vermella’ e ‘Os tres porquiños’, presenta o seu novo espectáculo “O mundo máxico de Pinocho” no centro cultural de Muros o sábado, 7 de outubro, ás 18:00 h. Un musical infantil, destinado a público familiar e recomendado para persoas a partir de 2 anos.
En “O mundo máxico de Pinocho”, o público atoparase cunha curiosa adaptación ao teatro musical do clásico de Carlo Collodi. Unha historia contada a través dos ollos de Pepiño Grilo, que xunto coa Fada Mimadriña, Raposo e Gato acompañará a Pinocho no camiño de converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no taller de Gepetto, e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado monicrequeiro intentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Todo para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias.
A participación do público, unha das características de EducaTeatro Producións, será outra constante desta nova montaxe. Á entrada ao teatro, repartirase entre todos os asistentes un marcapáxinas con forma de variña máxica para que axuden á Fada Mimadriña nos seus trucos.
A proposta mestura diferentes técnicas, como o teatro musical con voz e piano en directo, a maxia de grandes ilusións, as sombras chinesas e os corpóreos. Un completo espectáculo especialmente pensado para o público familiar a partir de 2 anos.