Evento
Teatro do Furancho en Muros
14/nov./2015 a 14/nov./2015
21:30 h a 21:30 h
11:08 04/11/15
O centro cultural e xuvenil de Muros conmemora o mes da violencia de xénero e da música con varias actividades dirixidas a todos os públicos.
Espazo: Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Día e hora: sábado 14 de novembro, 21:30 h.
Compañía: IBUPROFENO TEATRO
Espectáculo: O Furancho
“O Furancho” é unha divertida comedia, escrita por Santiago Cortegoso e representada polas actrices Marián Bañobre e Isabel Risco, foi creada con motivo do día da Muller, e quere reflexionar sobre os temas de xénero, entre os que nos preocupa especialmente o da violencia machista, tema que se conmemora neste mes de novembro.
"O Furancho" é un espazo cargado de "agroglamour" no que se fusionan as tendencias máis "trendies" con elementos propios da máis pura tradición, coma os zocos, o pololo, o bacallau e o loureiro.
No Furancho crúzanse as sementes das cepas máis exquisitas para atopar a combinación perfecta que aporte relax E Pódese consumir o excedente de viño, que é sinónimo de humor, acompañado duns apetitosos petiscos.
Marián Bañobre e Isabel Risco son artistas multidisciplinares, sempre na vangarda do deseño e das últimas tendencias. Dúas mulleres fortes, con carácter e desbordante personalidade, que definen a esencia enerxética e desvergonzada das pallasas: dúas iconas femininas que foron, son e serán referentes de beleza universal e fonte de inspiración para todas esas loitadoras que son quen de poñer o mundo patas arriba para lograr que os seus soños se fagan realidade.
A aventura IBUPROFENO TEATRO comezou cunha idea que conlevou dous anos de investigación e documentación: “A filla de Woody Allen”, foi o seu primeiro espectáculo, estreado en 2010 e que resultou nominado nos Premios MAX de 2011 a mellor autor teatral en galego. En novembro de 2012, estrea o seu segundo proxecto: “Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios”, que acadou na edición 2013 dos María Casares os premios a Mellor Texto Orixinal e Mellor Actriz Protagonista. Neste ano 2015 son finalistas no IX Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural na Radio Galega e o público do Carballiño considerou O Furancho como o mellor espectáculo do 26 Festival de Teatro Galego, ademais o xurado concedeulle a Isabel Risco o premio a Mellor Actriz. A liña mestra da compañía é a procura dunha linguaxe propia e recoñecible para falar dos temas claves do individuo contemporáneo a través de personaxes que buscan a súa identidade e realización individual nun contexto social e tecnolóxico globalizado e complexo, que non son quen de controlar, o que os leva a situacións absurdas e cargadas dun humor acedo e sarcástico.
No vindeiro sábado, día 21, visitará Muros a compañía ANIMUNDIS, que nos amenizará a tarde cun espectáculo músico-teatral, destinado a público familiar.
Estes dous espectáculos están incluídos na Rede Galega de Teatros e Auditorios. As entradas para “O Furancho” xa poden ser reservadas ou mercadas nas oficinas do centro cultural de Muros.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Muros