Laxe aposta pola cultura, o mar e a ornitoloxía para desestacionalizar o turismo


Comeza o mes de abril e con el o segundo trimestre do >programa Reláxese, unha aposta pola desestacionalización turística de Laxe. Este trimestre o turismo cultural, o turismo mariñeiro e o turismo ornitolóxico toman o protagonismo.
Despois da ciencia, a gastronomía e os viños, toca un mes de citas culturais, e dous meses de citas ao aire libre antes de chegar ao verán.
O mes de abril será o adicado ao Turismo Cultural. Despois da presentación oficinal, este venres xa teremos unha cita coas fotografías históricas de Vidal, e o sábado un repaso histórico á vida e bra do crego liberal Juan Antonio Posse con Lema Suárez.
Pasarán polo Museo do Mar de Laxe xentes como o catedrático Luís Rodríguez Ennes, o poeta Xosé Iglesias, o mestre Xan Fernández Carrera, o poeta Miro Villar, o investigador Xosé Vidal Pérez, ou os mesmos Chema Rei e Lema Suárez para falar tamén do Fútbol da Costa.

O Mes de Maio será o do Turismo Ornitolóxico, outro dos tesouros por explotar da comarca. Conferencias e saídas combinaranse con rutas de sendeirismo e cun curso formativo para entidades locais. Pasarán polo Museo Antonio Sandoval, Comes Damián Romay, Ramsés Pérez ou José Luís Rabuñal Patiño, como non.
E o mes de Xuño será o do Turismo Mariñeiro, comezando coa proxección da documental Caderno de Bitácora que versa sobre a vida do mar en Laxe. Haberá interesantes charlas con Bartolomé Cánivas, Miguel San Claudio ou Fernando González Laxe. Pero tamén haberá ruta de pinchos, Open de Pesca. Ademais, a exposición “Coidando o noso mar” cedida polo CEIDA estará todo o mes no Museo do Mar.

Outras accións


O II Concurso de Fotografía “Laxe, Municipio Turístico Galego” tamén será outras das iniciativas para amosar as belezas do concello. Un Concurso que se complementa cun curso de fotografía de natureza e paisaxe que se imparte os sábados de abril pola mañá, e que precisa inscrición.
A aposta municipal tamén será pola Semana Santa, con especial incidencia do Rosario da Boa Morte, celebrándose venres 14 a partir das 23:00h polas rúas laxenses.
Novas relacionadas
- Marzo 2017: Os hostaleiros de Laxe catan os mellores viños.
- Reláxese: Nove meses, nove actividades turísticas para desestacionalizar o turismo de Laxe.
- Caderno de Bitácora, a documental que completa a triloxía do Mar de Laxe.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).