![Como novidade, as sesións de contacontos serán dobres co fin de que poidan asistir ata 120 nenos e nenas]()
Como novidade, as sesións de contacontos serán dobres co fin de que poidan asistir ata 120 nenos e nenas
A
biblioteca Rego da Balsa de Carballo acaba de dar a coñecer o seu programa de actividades para o primeiro trimestre de 2016. En termos xerais, seguirá coa mesma liña que levaron a cabo durante o 2015 onde os faladoiros, as proxeccións, os contacontos infantís e os libros serán os protagonistas, deixando tempo para a
segunda edición do concurso fotográfico "Biblionamórame", obradoiros de maquillaxe e
máscaras polo entroido, varias actividades de promoción da natureza coa
asociación ambiental Senda Nova ademais da colaboración dos usuarios e usuarias da biblioteca co ciclo "Pais e nais contan". Como novidade, dende a biblioteca indican que a partir de agora as sesións de contacontos duplican horario para atender a máis nenos e nenas.
Unha das primeiras visitas que recibirá este trimestre a biblioteca carballesa será a de
Manuel Rivas que terá lugar o xoves 28 de xaneiro para presentar o seu último traballo "O último día de Terranova". O autor galego contará as claves desta emocionante historia que fala de persecucións, libros prohibidos e contrabandistas de cultura. Xa a finais de febreiro, outro dos libros protagonistas é
"Saudade" de Fernando Fernández Rego, un volume que afonda na vida de Andrés do Barro, músico que levou o pop galego ao máis alto das listas de éxitos en España. Por último, en marzo, agardan outros dous interesantes libros, por un lado, o libro de receitas
"Cociña II" de André Arzúa; e por outro, os micro relatos
"A Celeste la compré en el rastrillo" e "Sobrevivindo" de Arantxa Portabales Santomé, que tamén representará as súas historias.
Faladoiros
Nestes meses, a biblioteca tamén será o escenario de catro faladoiros. O primeiro o martes 19 de xaneiro con
Witericus e "Xuntos no camiño!", unha guía sobre o Camiño de Santiago que afonda nos motivos para facelo, sobre a preparación, as rutas, trucos, etc. Xa en febreiro Senda Nova presenta noutro faladoiro a exposición fotográfica
"Unha viaxe ao Amazonas", a través da que se coñecerá o río máis caudaloso do mundo. A bloguera de
"My dreams of seams", Gema Carballeira, protagoniza o 16 de febreiro un faladoiro sobre moda, estilos de vida saudable, os retos de levar un blog, comercio electrónico, etc. E en marzo remata este ciclo de faladoiros con
María Lema e "Camiñando polas estrelas".
O mundo audiovisual tamén ten espazo nas instalacións da rúa Bos Aires. A primeira proxección está prevista para o 22 de xaneiro con
"Imagine Elephants", un documental sobre a importancia do xogo espontáneo na infancia. E en marzo, Senda Nova organiza un ciclo de proxeccións sobre o mundo natural e o medio ambiente coa colaboración do Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e con tres sesións: "Amazonía Carbonizada", "Green" e "Marcha atrás" os días 1, 10 e 15 do mes.
Sesións dobres de contacontos para 120 nenos
Coma sempre, na biblioteca teñen especial importancia as citas dirixidas aos máis cativos e cativas. A compañía teatral
TrinkeTrinke continúa ofrecendo as historias dos ratos de Lonxedetodo moitos dos mércores entre xaneiro e marzo, coa novidade de que a partir de agora haberá dúas sesións, ás 17.30 e ás 19.00 horas, para poder atender a demanda de tantos nenos e nenas de 3 a 8 anos que queren gozar coas historias de Fuco e Lili Gruyère. Así, se antes había capacidade para 60 prazas, agora poderán asistir 120 nenos e nenas. Ademais, haberá unha función especial con motivo do Entroido. E precisamente para axudar aos nenos e nenas cos seus disfraces, o mércores 3 de febreiro a biblioteca e a Ludoteca organizan talleres de maquillaxe e de máscaras de Entroido. Tamén na Ludoteca máis adiante, o 17 de febreiro, haberá un obradoiro de xogos e xoguetes en galego "A xogar con Galileo".
Co 2016, tamén seguen nas instalacións
as historias de "Pais e nais contan". Así, as nais e pais de nenos e nenas usuarios da biblioteca organizan os seus propios contacontos. E ademais, o 1 de febreiro comeza o prazo para participar na segunda edición do concurso fotográfico #Biblionamórame.
Todas as citas son de balde.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Concello de Carballo