"Moita xente viu probar as algas. E gustáronlle"


”Saiu todo ben. Hai que repetir. Esa foi a sensación xeral na vila do Encaixe valorando o éxito da I xornadas “Algas en Camariñas – O Encaixe do Mar”. Unha actividade organizada polo Clube Náutico de Camariñas e na que colabora o Concello de Camariñas, a Asociación de Empresarios do municipio e a empresa Portomuiños. Unhas xornadas necesarias, para decatarnos do tesouro que temos nas nosas rías que non sabemos aproveitar.
Xa o ano pasado o Club artellou unha xornada específica, cunha saída ao mar para recoller algas (coma se fosen cogumelos) e posterior preparación de degustación. E fan falta esta clase de actividades para ir introducindo as algas na nosa gastronomía.
”Os locais quedaron satisfeitos porque aínda que non foi tremendamente masivo, a xene que probou, gustoulle. Pero é normal. É a primeira vez e a realidade é que non estamos educados para comer algas. Hai que ilas introducindo a modiño, porque non a todo o mundo lle gusta. Hai xente que nin quere probar, pero tamén houbo xente que viu a Camariñas preguntando por elas, da Ponte do Porto, pero tamén de outras zonas da provincia. Os hostaleiros queren repetir, e agora tócalle ao boco a boca ir paladeando as tapas, para que o ano que vén, por estas datas, na Ponte da Constitución, organicemos as segundas Xornadas”, sinala a presidenta dos Empresarios Olga Campos.
Hai que ver a boa pinta que tiña esa empanada de atún algas, ou o ricas que estaban as tortitas de camarón con algas, unha tapa en cada un dos establecimentos participantes: Clube Náutico de Camariñas, O Curbeiro, Komarea, Gaivota, Moleda, O Percebe, A Ría, O Bico, Oasis, A Mariña Vila de Ouro, Stella del Mare, Porto Arnela.
Máis actividades

En canto as actividades paralelas, pensadas para que os visitantes tiveran máis cousas que facer, cómpre destacar o éxito do desfile. Participaron 7 comercios de Camariñase unha marea de veciños de todas as idades facendo de modelos. Familias e amigos encheron a praza do Concello para disfrutar da pasarela local.
De volta ao tema das algas, tanto a conferencia que tivo lugar o sábado, dada por Alfredo J. Veiga Villar, doctor en Ciencias Biológicas, como as visitas guiadas, como a ruta que se fixo o domingo para a recollida de algas tiveron unha boa aceptación. O biólogo falou no Frao das bondades das propiedades das algas, que teñen moitas vitaminas, proteínas… e valen para todo, para o cutis, protector de estómago, como emulxentes para cantidade de produtos…
Interesantes foron tamén as visitas guiadas da man da mariñeira e mariscadora Jaqui Fateira, que dou conta da dificultade de saír, cada día, ao mar. Explicou as diferentes artes de pesca que utiliza a baixura, e, visto de primeira man, un dase conta de todo o traballo que implica ser mariñeiro.
Xa a pé de ría, con Antonio Muíños ao mando (o de Portomuíños é un dos mellores especistas da península da materia), destacou ante unhas 30 persoas a boa calidade da ría de Camariñas para a produción de algas. Houbo parada na praia do Lago e Antonio explicou por que é unha zona rica en algas, con máis de 70 variedades. Mesmo colleron unha alga calquera, que era comestible, e falou das súas cualidades.
Portomuíños xa colleita algas por aquí. Quen sabe se pode chegar a ser unha industria para Camariñas…. Depende de nós.
Novas relacionadas
Máis novas
- A USC destacou o aproveitamento das algas como fertilizante económico e de orixe natural.
- Os trapos sucios das algas na Costa da Morte.
- Algas á rúa.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).