xoves. 01.05.2025
El tiempo

O Mirante: As coalicións protagonizan a recta final do 20D

O Mirante: As coalicións protagonizan a recta final do 20D
Estimación do voto de O Mirante a 8 de decembro de 2015 Estimación do voto de O Mirante a 8 de decembro de 2015 Chega o último estudo da estimación de voto realizada polo experto demoscópico  Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego antes das eleccións do 20 de decembro no que o autor destaca que a formalización das coalicións electorais é a causa dos principais cambios acontecidos no último mes. As que teñen unha maior incidencia demoscópica son as conformadas arredor de Podemos en Catalunya (En comú Podem, con ICV, Barcelona en Comú e Equo), Comunitat Valenciana (Es el moment, con Compromís e Equo) e Galicia (En marea, con Anova, Esquerda Unida e as mareas galegas e municipais). A remontada de Podemos nas enquisas fundaméntase non só na revitalización mediática de Pablo Iglesias senón tamén na unidade electoral que se oferta nestas Comunidades, cos seus efectos máis que proporcionais en canto á aplicación da lei electoral, así como no feito de que con anterioridade o voto ás forzas nacionalistas coas que se coliga Podemos aparecía disperso nas enquisas dentro da categoría outros. Con moita menor repercusión tamén se deixan notar a incorporación de UPN, PAR e FAC ao PP, ou de Nueva Canarias ao PSOE. Na gran foto, o bipartidismo está en retroceso, e despois de dous meses por baixo do 50% do voto estimado estabilízase perto do 48% e aproxímase aos mínimos que rexistrou a comezos de ano (46%). Os partidos novos (Ciudadanos e Podemos e as súas coalicións con forzas maiormente de novo cuño) atópanse agora mesmo no seu máximo histórico (36%), superando xa o nivel da primavera pasada. A maior variabilidade ou discrepancia nas enquisas xira arredor dos partidos novos, o que permite concluír que é entre as forzas preestablecidas e as emerxentes onde existe un maior nivel de indecisión e incerteza. Máis é innegable que a súa tendencia crecente é o dato máis robusto das enquisas e que o momento electoral lles pertence. O voto ao resto de forzas, non estatais e/ou minoritarias, xa decrecente durante a lexislatura, acada agora os seus valores mínimos, o cal prexudica os intereses electorais de IU e entre as nacionalistas limita as posibilidades de obter escano a Geroa Bai e Més. Comparativa histórica Na dimensión esquerda-dereita as enquisas avanzan un resultado parcialmente paradoxal. O voto a forzas á dereita do espectro político (incluíndo Ciudadanos xa que aí a sitúan a maioría dos seus votantes) sumaría máis votos que as situadas á esquerda: 53% versus 47%. Este nivel de voto sería o máximo da dereita nos últimos 3 anos, só inferior ao existente durante 2012, cando o PSOE esta afundido, o PP aínda rendibilizaba a vitoria do 20N de 2011 e Podemos non existía. Para termos unha idea comparativa ese nivel do 53% de voto a forzas de dereitas, estatais ou non, é o mesmo rexistrado no ano 2000 coincidindo coa maioría absoluta do PP de José María Aznar. Distribución de escanos segundo O Mirante Distribución de escanos segundo O Mirante Co goberno do Estado e o Presidente máis desgastados da Historia este nivel de mobilización da dereita só podería explicarse cun diferencial de mobilización dereita-esquerda moi elevado e/ou coa entrada de Ciudadanos, unha forza do centrodereita, no electorado do centroesquerda. O primeiro é improbable e o segundo é ao que se apuntan a maioría das cociñas demoscópicas. A pregunta que cabe facerse é: que é máis intenso, a maior mobilización da esquerda a respecto do 2000 pola presenza de Podemos ou o mantemento do nivel de mobilización da dereita máis a suma das transferencias de voto desde o centro e centroesquerda (á dereita do PSOE) cara a Ciudadanos? Neste punto O Mirante abriga algunhas dúbidas sobre o correcto aliñamento do conxunto das enquisas publicadas, no sentido en que estarían engordando a suma PP+Ciudadanos e a súa hipotética maioría absoluta en deputados/as. No ollo do furacán está a capacidade do PSOE de aguantar o tipo e reter os votantes colocados no punto 4 da escala ideolóxica. Aí se xoga a segunda posición global con Ciudadanos, posición que xa unha ampla porcentaxe de enquisas e de analistas outorgan aos de Rivera, e que o noso modelo deixa en medio punto de diferenza a favor dos socialistas, no que é unha evidente situación de empate técnic0 con tendencia negativa para os de Sánchez. A pantasma da pasokización planea sobre a cita electoral ameazando con caracterizar as próximas lexislaturas. Todas estas tendencias de voto teñen unha translación non directa nin unívoca no reparto de escanos. Ciudadanos avanza nas provincias menos poboadas onde o PP e PSOE obtiñan maiores pluses da lei d’Hondt, volvendo o sistema electoral algo máis proporcional e restándolle deputados/as a ambos. O PSOE ademais contempla sorpassos cada vez máis frecuentes de Podemos, en especial naquelas Comunidades onde optou por coalicións electorais transversais no eixo nacional, con centro de gravidade na plurinacionalidade do Estado, ou nas circunscricións máis poboadas cuxas capitais asistiron a trunfos das candidaturas municipalistas o pasado mes de maio. Galicia é un destes lugares, onde En Marea, PSOE e Ciudadanos se disputan a segunda posición nas catro circunscricións por moi escasa diferenza. En Catalunya confírmase o sorpasso de Esquerra sobre a coalición de Convergencia (Democracia i Llibertat), adiantamento que se no ámbito autonómico é aínda máis notorio e que visibiliza a fin de Mas e do seu proceso de instrumentalización do procés. A gran novidade alí é con todo a posible vitoria en voto nas xerais de En comúpodem, sustentándose no tradicional voto dual catalán doutrora (voto PSOE en xerais e abstención en autonómicas), un voto mobilizado nas municipais na capital barcelonesa por Ada Colau e que nas plebiscitarias se situou fóra do pólo independentista. En Euskadi as posicións no nacionalismo mantéñense inalteradas pero obsérvase que Podemos, aquí sen coalición, recolle boa parte do voto tradicional socialista, incluído o cinto vermello de Bilbao. Cómpre lembrar que un dos deputados outorgados a EH Bildu consígueo en Nafarroa. En Galicia apréciase nas enquisas máis recentes, aquelas que xa contemplan a candidatura En Marea, unha caída da intención de voto a Nós (BNG) que o sitúan á beira da condición de forza extraparlamentaria (un máis que disputado escano pola Coruña), no que semella un dobre efecto tanto das deficiencias das enquisas anteriores (mostras pequenas non específicas para Galicia) como da xeneralización das fuxidas de voto desde o BNG cara as mareas urbanas de maio e cara ao Podemos de despois das europeas. Novas sobre as Eleccións Xerais

Máis novas políticas

Fonte

Comentarios