Venres. 19.04.2024
El tiempo
Alberto Pose
08:05
28/12/11

Alberto Pose analiza a primeira volta da 3ª Autonómica

Alberto Pose analiza a primeira volta da 3ª Autonómica

Gustaríame comenzar esta crónica pedindo desculpas a toda a xente que segue este diario, e en especial ó equipo de Deportes de QPC pola miña preguiza á hora de escribir. Pero por motivos laborais sobre todo, andei moi liado ultimamente.
Nesta crónica de fin de ano vou facer un balance sobre o que deu de si esta primeira volta na competicion.

Gustaríame facelo sabendo como vai a ser o final de tempada o sistema de ascensos pero... esto deixarémolo para outra vez pois parece que ninguén o ten aínda claro. Tamén quero pedir desculpas polo meu erro ó decir que habería unha fase de ascenso ó final de tempada. Eu, era o que tiña entendido pero nestes últimos dias chegáronme informacións de que non vai ser así.
Non entendo nada pero... o que realmente nos importa é que temos un Campeón de inverno na 3ª da Costa, o Cabana, que sen facer moito ruído se colocou líder con 48 puntos.
Os de Pablo Mallón, por certo, especialista en ascensos como fixera co Buño, cunha regularidade espectacular, van camiño de conseguir ese desexado ascenso para a entidade cabanesa.
Detrás do Cabana colócase para pechar o ano o Carnota. A min non me sorprende tanto que os de Alfredo Cambeiro estean a estas alturas de competición neste 2º posto. Está claro que este equipo está pensado para ascender, xa que no seu pantel hai xogadores de moita calidade, sumado á experiencia de Alfredo no banco, fan do Carnota un equipo a respetar, un auténtico rival a batir.
O único que que si temos claro todos é que estes dous equipos serían os que ascenderían directamente se rematara agora a competición.

Por detrás chega o Outes de Manu Roque. Espectacular o traballo de Manu, de sobresaliente, pero tamén é para destacar a súa afección e por suposto o traballo da súa directiva. Non os coñezo persoalmente, pero si me gustaría darlle a noraboa polo bo traballo que están a facer. Cando se traballa ben e todos os estamentos do clube van da man, o premio ao final obtense.

No alto da clasificación tamén vemos ó Coristanco. Xa o ano pasado coquetearon coas prazas que dan dereito ó ascenso e parece que este ano non queren deixar pasar a oportunidade. Cos goles de Toniño como principal aval colocáronse 4º con 43 puntos mirando moi de preto ó Carnota, nesa segunda praza que dá dereito ó ascenso.

Xa un pouco máis alonxados atópanse o Montelouro e o Cerqueda. Teño que decir que me sorprende a posición dos de Louro, neste ano da súa refundación están a facer unha moi boa campaña. No que atinxe ó Cerqueda, dende a chegada de Rochi ó banco, sempre estivo colocado na parte alta da táboa, pero para loitar polo ascenso sempre facía falta un pouco de algo, experiencia, gol... Este ano parecia que ía ser pero as lesións, especialmente a de Diego, lastran, e moito, o equipo de Rochi.

Xa un pouco máis abaixo na clasificacion hai varios equipos que segundo se resolva o tema dos ascensos, vai a variar e moito o seu obxectivo ata final de tempada. Porque agora mesmo están pelexando por meterse no 6º lugar, que podería dar lugar a unha fase.
Estamos a falar do Volantes, por exemplo. Xa dicía eu que ía ser o equipo revelación, ten unha plantilla con xogadores moi bos, como Seluco, Piti, etc... Tamén está o Laxe, que para min teno todo para ser un equipo de 2º: bo campo, boa afección, un pobo volcado co equipo dende a súa refundación. Paréceme un caso semellante ó do Outes, que conta tamén cunha directiva que intenta facer as cousas ben. De feito, tiven a oportunidade de falar con Fermín, un dos directivos, e estou seguro que conseguirán o seu obxectivo.
O que me sorprende é a situación do Porteño, equipo recén descendido que pensaba que ía estar máis alto na táboa pero... non sei que pasou, que non acaba de arrincar. Así e todo, penso que teñen equipo para levantar esta situación na segunda volta.

No medio da taboa atopamos ó filial fisterrán. Cuns comezos un poco dudidativos parece que ó final colléronlle o pulso a categoría. Creo que os obxectivos dos dous filiais son os de formar xogadores para o primeiro equipo.
Cómpre destacar, como non, a presenza de Ana Mouzo no banco do filial soneirán, á que lle desexo moita sorte nesta aventura a boa de Ana.
Tamén en terra de ninguén atopamos ao Independiente de Carballo, forte no último treito de campaña e mirando co cara a arriba na segunda volta, e ao Alcaián, que comezou moi ben pero que foi afrouxando a marcha.

Xa pola parte baixa podemos atopar o Atl. Pereiriña, aínda convalecente do susto que nos deu o seu xogador Gabi, ao que tamén lle mando moitos ánimos. Parece que este ano os de Cee vano tomar como de transición; atrás queda ese ano que estivo na parte alta da táboa e todos pensabamos que o Pereiriña dera un salto deportivo. Non foi asi e agora toca empezar de novo, deben aproveitar ser filial do Cee pero vendo como anda o Cee, non sei que será mellor, pois un posible descenso de categoría igual ten que tirar desa xente para o priomeiro equipo.
Tamén anda con problemas o Muxía. O único que podo dícir é que xente moi válida como Papi, Luís Romaní non están neste proxecto, e penso que por aí deberían empezar os muxiáns, pois son xente que deu moito polo clube e me parece un luxo non aproveitar a súa experiencia. E digo isto sen querer meterme en casa allea.

Xa nos últimos postos atopamos ó Camelle. Non se lle pode pedir moito máis a un clube no seu primeiro ano na competicion. Ademais nun concello tan saturado de equipos como é o de Camariñas. E así o reflicte o feito de que na mesma situación tamén están os de Xaviña. Penso que deberían aproveitar ser filial do Camariñas e ser o seu viveiro de xogadores para ter unha tranquilidade a nivel deportivo.
O do Corcoesto é un milagre, sobreviven non sei como, pero aí están. A súa humildade creo que é o seu segredo. Dende esta tribuna só me queda agradecerlles o ben que me trataron cando fun como responsable tanto do Cerqueda como do Ponteceso, gracias Siro, Germán, etc.

E xa, sen máis, só queda desexarvos unhas felices festas nestes momentos tan duros que nos toca vivir e que o 2012 sexa un bo ano para todos.

Máis información

Máis novas

Fonte

Comentarios