Xoves. 03.10.2024
El tiempo
Ana Gil Rey
16:16
23/03/20

Verdades incómodas

Verdades incómodas

O venres cumpriuse unha semana dende que se decretou o estado de alarma. Non vou enganar a ninguén, non é que a semana pasase voando, cada día erguíamonos coa esperanza e o pensamento de que faltaba menos para que todo isto rematase. Hoxe recibimos un duro golpe moral, aínda que unha parte de nós xa o esperaba: decretouse unha prórroga do confinamento, quince días máis que debemos permanecer na casa. A moitos de nós caeunos a alma aos pés, pero hai que ser realistas e sensatos, nestes momentos  o que toca é facer un exercicio de responsabilidade, deses que non adoitamos facer se non é por imperativo legal ou moral. O ser humano é un animal de costumes.

O coronavirus, esa enfermidade ata fai pouco descoñecida para boa parte da poboación, supuxo un parón obrigado na vida de todos, un cambio radical dos plans que tiñamos previsto realizar a curto prazo. Pero non só iso, implicou algo máis. Implicou parar para previr, quedar para evitar a expansión da enfermidade e o incrementos do número de contaxios. De repente deixamos de mirarnos aos pés e decatámonos de que tiñamos  persoas ao lado e de que podía pasarlles algo se non tomábamos as precaucións, de que isto iba en serio.

A noticia supuxo un shock tan grande porque vivimos nunha sociedade na que non estamos acostumados a parar nin a frenar o ritmo. Vamos sempre correndo de un lado para outro: para o traballo, buscar os nenos, a unha reunión super importante na que é imprescindible a nosa presenza... e de repente resulta que obrigatoriamente alguén nos obriga a deternos durante un período de tempo. Canto? Temos que sabelo para organizarnos, cancelar ou adiar esa importantísima reunión, ese examen que tiñamos a semana que vén, esa competición que levamos tempo preparando... Necesitamos sabelo! En xeral non estamos acostumados a lidiar coa incertidume.

En lugar de respostas dannos tempo. Tempo. Para que queremos o tempo? Decatámonos de que o tempo en sí non ten ningún valor se non o podemos compartilo con aqueles a quen queremos.

Tempo, moito tempo para pensar. Isto non só vai supoñer un cambio de paradigma no xeito de traballar, pois estase a demostrar que non necesariamente temos que estar na empresa para render, senon que é posible que traballemos e conciliemos.

Tamén nos fai plantexarnos se como sociedade estamos adoptando os valores adecuados, pois quen máis expostos están a contraer a enfermidade son quen menos remuneración perciben e quen máis riscos asumen. Donas de estancos, caixeiras de supermercado, repoñedores, panadeiros... desenvolven cada día o seu traballo sen perder a calma ante unha histeria colectiva que os borra das preocupacións dos cidadáns. que incumpren, se achegan e o toman a broma pese a saber que a persoa que o está atendendo non se lle facilitou unha soa mascarilla e está máis que  exposto ao contaxio.

Esas persoas tamén teñen medo de contaxiarse ante un virus que ao seu paso só deixa cifras, tamén temen contaxiar a aqueles que queren e pese a iso erguénse todas as mañás e pensan que xa queda menos para que todo remate, e eles poidan volver ao traballo sen medo e sen os ritmos frenéticos aos que a sociedade somete sen darlle sequera as grazas. Eles tamén merecen un aplauso porque están ao pé do cañón día e día e son dignos da admiración máis sincera. Oxalá despois de todo isto poidamos pararnos voluntariamente e pensar en cómo devolverlle todo o que hoxe fan por nós.
 

  • Ana Gil Rey, Graduada en Dereito pola USC. Actualmente cursando a Cátedra de  Sostibilidade e Innovación Social Inditex-UDC. Escribo dende o mar, o cal confire maior movemento as accións e maior sosego ás palabras. Entusiasta sempre!
     

Comentarios