Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Ana Romero Masiá
13:29
18/08/20

Será Punta Nariga o Promontorio Nerion do que falaban os autores clásicos gregos e latinos?

Promontorio Nerium de Punta Nariga-Foto-Xose Manuel Varela copia
Imaxe do promontorio de Punta Nariga-Foto-Xose Manuel Varela
Será Punta Nariga o Promontorio Nerion do que falaban os autores clásicos gregos e latinos?

Unha pregunta millóns de veces formulada e para a que segue sen existir unha resposta unívoca, pois non dispoñemos de datos que nos permitan asegurar con certeza esa identificación. Hai tantos argumentos a favor como en contra e de aí que tratar de resolver a cuestión siga tendo un especial atractivo para os historiadores, pero tamén para todos aqueles lectores que desexan interpretar as escasas referencias que sobre os accidentes xeográficos e as xentes que habitaban a actual Galicia nos proporcionan os escritos dos autores da antigüidade clásica.

De Posidonio, Strabon, Ptolomeo, Plinio, Mela... chegaron ata nós fragmentos das súas obras pero entre eles existen importantes contradicións e, sobre todo, moita imprecisión á hora de nomear, describir e situar ríos, montes, cabos, cidades e pobos. É comprensible. Pensemos que ningún dos autores dos que nos guiamos estiveron na zona, tiñan que fiarse dos relatos dos viaxeiros, navegantes e soldados que por aquí andaron e, a saber como lembrarían os datos cando, de regreso a Grecia ou Italia os relataban aos historiadores e xeógrafos dos que nós, agora, nos valemos para tratar de identificar topónimos ou comunidades indíxenas.

Teñamos en conta as dificultades do momento para efectuar as medicións, as diferentes unidades empregadas ao longo do tempo, pois moitas veces lemos estes autores sen ter en conta as enormes diferenzas cronolóxicas existentes entre eles. Por exemplo, entre Herodoto e Paulo Orosio hai unha diferenza de case 1000 anos. Tampouco son iguais as millas terrestres que as marítimas e todas elas variaron co tempo. Se hoxe nin sequera co GPS chegamos ben a onde queremos, que lle podemos pedir aos clásicos? Bastante fixeron con tratar de describir o que para eles era a fin do mundo coñecido.

Talvez o descubrimento dunha ara, un anaco de terra sigillata, un pergamiño esquecido no fondo dalgún mosteiro...Talvez algún día teñamos a fortuna de que un achado arqueolóxico nos confirme algunha das teorías e suposicións que agora se formulan. Non é imposible, pero para iso terían que realizarse moitos máis traballos arqueolóxicos porque coa interpretación das fontes escritas está visto que non é suficiente, por máis intentos que se fagan e máis orixinais teorías se formulen.

Pero volvamos á pregunta inicial. Pode ser que o Promontorio Nerion se corresponda co actual cabo de Punta Nariga. Pode ser ... ou non. Se nos guiamos por Strabon, como situaba este cabo no extremo que pecha polo noroeste o territorio habitado polos ártabros, e este pobo si que parece que o podemos localizar con certeza na zona do amplo golfo formado polas rías de Ferrol, Pontedeume, Ares e Coruña, se nos guiamos por este autor, ben podería corresponderse Nerion con Nariga. Pero se os ártabros ocupaban un territorio máis extenso, tal como parece indicar Ptolomeo ou Plinio, o seu extremo noroeste ben podería ser o cabo Touriñán ou Fisterra, os extremos máis occidentais de Hispania.

Xa que logo, a cuestión segue sen resolverse cos datos actuais. E non a quero complicar se relacionamos Nerion coas famosas Aras Sestianas... pero iso é outra historia.

  • Ana Romero Masiá, arqueóloga, Catedrática de Xeografía e Historia no IES Monte das Moas da Coruña, escritora, entre outras obras de “Galicia nos textos clásicos” (1988), un dos libros máis utilizados polos expertos respecto á relación da arqueoloxía coa nosa historia.

Novas relacionadas

Comentarios