Venres. 29.03.2024
El tiempo
09:00
25/10/11

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos (VIII)- As tensións de mediados do s.XV: A intromisión nobiliar nas rendas reais 

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos (VIII)- As tensións de mediados do s.XV: A intromisión nobiliar nas rendas reais 

Dada a súa importante presencia na zona, os Moscoso, futuros condes de Altamira, van se- los maiores protagonistas da tensión ocasionada pola actuación da nobreza na nosa zona. Polo seu estatuto privilexiado, ningún oficial real podía inmiscuirse na administración das xurisdiccións sometidas a eles. A monarquía, polo tanto, vía reducida a súa presencia nestas terras ó cobro de impostos, especialmente de alcabalas e tercias.

Os Moscoso, como outros señores intentarán beneficiarse na medida en que a necesidade e a debilidade do monarca o permita. O rei podía allea-las alcabalas ou autorizar tomas ocasionais para sufragar determinados gastos e premiar servicios. Resulta facilmente comprensible que os Moscoso tivesen no punto de mira, antes que ningunha as alcabalas das súas propias xurisdiccións. É ilustrativo a este respecto que, por exemplo, Enrique IV ordenara sacar a pública poxa as alcabalas e tercias dos anos de 1459 a 1462 do arcebispado de Santiago a excepción das correspondentes a Betanzos e ás terras de varios destacados cabaleiros, entre eles Rui Sanches de Moscoso e do seu fillo Rodrigo de Moscoso, porque yo las mando arrendar por otro preço o fazer dellas lo que la mi merçed fuere. En xullo de 1467, o mesmo Enrique IV fai mercede a dona Xoana de Castro e a seus sucesores das alcabalas da terra de Nemancos e Soneira cos portos de Laxe e Corcubión, polos grandes servicios prestados por don Rodrigo de Moscoso a el e a seu pai.

A hexemonía dos Moscoso no arciprestado de Nemancos baseábase no seu poder militar e souberon esgrimilo sen tapuxos para te-la suficiente capacidade persuasoria como para propiciar outro tipo de situacións á marxe do concedido pola coroa. Dende as plataformas de Corcubión e Vimianzo asediaron os portos limítrofes que tiñan alcanzada unha certa puxanza. Era previsible que as rendas reais e as que pertencían a outros señores provocaran a cobiza dos Moscoso. Dona Xoana de Castro, xa viúva de Rodrigo de Moscoso, recoñece nunha carta de pago que Fernán Casquizo de Cee e Gomes Peres de Fisterra, xunto con outros alcavaleiros deses portos, lle entregaran 22.500 marabedís correspondentes ás alcabalas do ano de 1460, que ela tomara para pagar çerta gente que o corregidor frey Arias do Rio me mandou traer en serviço del rei nostro señor. Bernaldeáns de Moscoso tomou 15.000 pares de brancas, cantidade á que ascenderan as alcabalas do porto de Muxía no ano 1460, argumentando que era vasalo del rey e lle eran devidos de sua merçede. Obrígase a responder polo concello de Muxía ante o rei e os seus recadadores.

A versión do concello era radicalmente distinta: Bernaldeáns levara os 15.000 marabedís como señor poderoso e contra a nosa vontade desta dita vyla, sen que puidesen resistir á súa forza. Con declaracións deste tipo, os recadadores e fieis das alcabalas pretendían evitar que caese enriba deles un mal peor: a obriga de lles pagar de novo o producto das rendas reais ós arrendadores da coroa. En outubro, un contador real dirixe unha carta a Gomes Peres de Fisterra, arrendador menor das alcabalas de Muxía en 1460. Nela evidénciase que se Bernaldeáns non asina a toma por el feita, Gomes Peres debería responder cos seus propios bens ante o recadador maior. En 1466 un criado de Bernaldeáns de Moscoso rubrica unha carta de pago na que afirma ter recibido dos fieis das alcabalas de Fisterra 12.877 marabedís correspondentes ó ano 65. Sinala, ademais, que Bernaldeáns os embolsa en virtude dunha toma que fixera para algunas causas cumplideras a seruiço do dito señor rey

.

En outono de 1467 o concello de Muxía denuncia que Álvaro Pérez de Moscoso embolsou a cantidade correspondente as alcabalas de 1466 contra as nosas vontades e como señor poderoso engadindo que poys que el he yrmaao com a santa hermandade enna çibdade de Santiago que fagan a segyçon en el e en seus beens. Por outro documento consta que fixo o propio coas alcabalas de Cee e Fisterra.

A ausencia de alusións á autorización expresa de Enrique IV e as denuncias do concello de Muxía nos documentos precedentes fan sospeitar que estas tomas foron en realidade usurpacións.

Pero é que ademáis do exposto, os Moscoso estiveron implicados nos complexos mecanismos de recadación das rendas rexias e da renda por excelencia: a alcabala. É sabido que o sistema recadatorio baseábase na poxa pública das rendas. A poxa organizábase por partidos e por gravames; o arcebispado de Santiago e o bispado de Tui constituían un distrito fiscal e as alcabalas e tercias acostumaban subastarse xuntas. O monarca podía excluír da subasta os gravames correspondentes a determinados lugares que considerara oportunos; por exemplo, Enrique IV reservou as alcabalas de Baiona, Betanzos e das terras de varios cabaleiros correspondentes ó cuadrienio 1459-1462. Unha vez rematadas - subastadas- as rendas de determinado partido, a persoa que máis puxara tiña que presentar fianzas ós funcionarios reais nun breve prazo de tempo. Aceptadas as fianzas polos oficiais rexios, o arrendador recibía unha carta de recudimento que Ile daba poderes para cobralas. Normalmente, esta persoa -o arrendador maior- subarrendaba a percepción destas rendas a outras persoas -os arrendadores menores. Como é lóxico os arrendadores menores tamén tiñan que presentar fianzas. A ganancia dos arrendadores maiores e dos menores cifrábase na potencial diferencia entre o que efectivamente cobraban e a cantidade que Ile entregaban ó rei ou se é o caso ó arrendador que estivese por enriba, sexa o maior ou outro menor. Este procedemento será substituído a finais do século XV polo sistema de encabezamento.

O papel xogado polos Moscoso no sistema de recadación das rendas rexias é o de fiadores. Rodrigo de Moscoso foi fiador de Zuleme Aben Arroio, recadador maior das rendas reais arredor de 1440; Xoán II outorgou un finiquito a don Rodrigo conforme respondera por don Zuleme cando este quedara debendo certa cantidade de marabedís.

Unha carta de Garci Viejo e de Pedro López, arrendadores maiores das alcabalas no arcebispado de Santiago e no bispado de Tui, dirixida a Gonzalo Rodríguez Porra, arrendador menor das alcabalas de Malpica e o seu alfoz, ordenándolle pague a Bernaldeans de Moscoso 4500 marabedís revela que o de Moscoso lles prestara a citada cantidade para enviar e pagar 105 maravedis de la camara del dicho señor rey. Pero, ¿cal era a ganancia dos Moscoso nestes negocios? A hipótese máis plausible é que detrás destas fianzas se escondera un préstamo con intereses. O caso dos Moscoso non é illado. Consta que outros cabaleiros e escudeiros se constituíron en fiadores doutros arrendadores. As débedas deixadas polo arrendador maior do arcebispado de Santiago e bispado de Tui, Rui Martínez de Carballido, á súa morte en 1503 desvelan os nomes dos seus fiadores: Fernán Pérez Parragués, Constanza das Mariñas, Esteban de Junqueiras, Vasco Fariña de Lamas e Vasco Freijomil. É curioso que case todos eles estean relacionados cos Moscoso. Algúns indicios permiten afirmar que os Moscoso foron tamén arrendadores das rendas reais por persoa interposta. Nunha carta datada en 1474 don Lope Sánchez de Moscoso, daquela vizconde de Fisterra e pertigueiro maior de terra de Santiago, recoñece ter recibido de Xoán Rodriguez Moula, alcaide e meiriño da súa fortaleza e terra de Vimianzo respectivamente, certa cantidade de marabedís que este recadara no seu nome en razón das alcabalas, décimos e alfolís correspondentes os anos 1471, 1472 e 1473 nas vilas de Muxía, Fisterra, Cee e Corcubión asy por tomas como por arrandamentos que delas fezestes por meu mandado (. . .) del rey nuestro señor e de seus contadores e arrandadores e de outro ou outros qualquer ou quaeesquer que seu poder do díto rey ouueren. No caso das alcabalas de Muxía do ano 1473, o portador da ganancia era Gonzalo Rodríguez Porra. Intúese que este escudeiro, veciño de Santiago, cumplidor do testamento de dona Xoana de Castro xunto con Esteban de Junqueiras, é tamén un home ó servizo dos Moscoso aínda que esta relación non se faga expresa na documentación. Tamén figura como arrendador menor das alcabalas de Malpica correspondentes ó ano 1459 e das de Cee, Sardiñeiro, couto de Duio, Fisterra e Muxía dos anos 1466 e 1467.

O feito de que os Moscoso non interviran directamente no arrendamento pódese explicar por dúas razóns; determinadas persoas non podían arrendar rendas reais en certos lugares, entre elas os homes poderosos dese lugar. Por outra parte, é posible que non estivese ben visto socialmente que un cabaleiro intervira neste tipo de negocios. 

  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal).

 


Novas relacionadas

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte


     

Comentarios