venres. 09.05.2025
El tiempo
10:31
20/05/11

A memoria

Vou contar un conto.

Quen sabe por que, pero o feito é que pasou. Unha especie de sentimento común, unha caste de experiencia múltiple asoballou a un país enteiro e provocou tal desorientación nas mentes dos cidadáns, que na vez de acudir adoctrinadamente a onde os seus respectivos líderes os mandaban, decidiron esta vez por si mesmos.

Onde o líder dixo “vótademe a min” a mente afirmou “decide por ti mesmo”. Onde o medio de comunicación afirmaba “malo, malo… mellor este outro” a mente repetía “decide por ti mesmo”. E aquela vez, unha masa indiferente e sectaria converteuse nun grupo de unidades, de individuos, que decidiron por si mesmos e votaron o que quixeron. Aquela vez o voto en branco foi masivo, as tendencias diluíronse nun crisol de partidos, de ideas, coma se de repente un país enteiro espertase e se erguera como un todo de diversidade e convencemento.

A utopía fíxose realidade. Os partidos políticos como tales desapareceron, afundidos nun pozo mesto de indiferenza, de ignominia, gañado a pulso por anos de corrupción e desfachateces cometidas con cartos públicos no nome dun ben común falsario e mal entendido. Os que antes eran lideres convertéronse en simples cidadáns, abocados o ostracismo polo desmesurado dos delitos cometidos, polo grave da súa propia falta de ética e vergoña propia. A cidadanía reclamou que novas propostas ocuparan o lugar de aqueles, e de entre os seus iguais xurdiron nomes, xurdiron persoas dispostas, humildes e traballadoras, de intachable pasado e vocación de servizo recoñecida, que renunciaron de partida a calquera distinción, e calquera beneficio, o tempo que manifestaban dos seus limites, das esquinas das súas responsabilidades, para evitar equívocos futuros, para evitar novas frustracións e desilusións.

No mundo da utopía, despois da revolución democrática nas furnas, chegou a revolución nos espíritos e nos corazóns. Despois de demostrar que a masa mudara en individuos, chegou o momento de facer que os indecisos, que seguían existindo naquel paraíso de claridade ideolóxica, comprenderan que nada ia ser igual. Que nunca máis a partidocracia, nunca mais a autarquía nin a delincuencia consentida dos que facían as leis. Nunca máis a política do bar, a do interese. Nunca máis un goberno definido por unhas siglas falsarias.

Despois da escuridade a luz volveu o mundo da utopía política democrática.

Isto escribino eu en marzo de 2009. Hoxe, centos de persoas acampan en prazas e ruas de varias ciudades, xusto a 48 horas dunha decisión crucial. O domingo, por exemplo, en varias vilas da Costa da Morte decidimos si queremos ser tomados por idiotas ou por cidadans libres. Eu escollo ser libre. E durmirei moi tranquilo na noite do 22 ao 23 de maio. Alá cada un.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores

Comentarios