Martes. 05.11.2024
El tiempo
22:29
30/01/11

A nosa herdanza na Habana

A nosa herdanza na Habana
Dona Diáspora non puido estar en Madrid para acompañar aos membros galegos da “Plataforma contra la privación del derecho del voto de los españoles en el exterior” que se achegaron ao Senado para manifestar a súa oposición ao cambio lexislativo que deixa aos emigrantes fóra dos comicios municipais. Non coñece aos emigrantes que presenciaron a aldraxe antidemocrática pero quere facerlles chegar un forte e merecido aplauso por defender os dereitos daqueles galegos que forman a nosa diáspora. Así non se constrúe e non hai xustificación para un recurte que está cheo de ofensa e que por certo só favorece as comunidades nas que se recibe inmigración. Nós, coma sempre, somos os que máis perdemos xa que poñemos a carne na grella para que outros “se morfen el asadito”. Hai unha carta asinada polo presidente e o secretario do CRE de Berna-Basilea que debería ser lida en todos os centros galegos do mundo xa que vai ao cerne do asunto: “Denunciamos el acuerdo de las élites de los partidos políticos que, en claro contenido reaccionario y antidemocrático, pretenden volver a manifestaciones arcaicas del derecho de sufragio expulsando del sistema político a una parte de su ciudadanía”. Se non estivo no Senado foi porque está máis que mergullada na análise e estudo dunha proposta para que o presidente da Xunta leve adiante neste ano 2011. Trátase de recuperar o Centro Galego da Habana. Hai que enfrontar e sandar a eiva histórica que se vai adiando e comezar as xestións para que o edificio do Centro Galego volva aos seus lexítimos propietarios. A illa caribeña está indo paseniñamente polo camiño das reformas que entre outras medidas inclúen a privatización de certas actividades que se abren ao libre mercado. Algo se está movendo en Cuba. Semella que despois de anos de inmobilismo centralizador, o goberno entende necesario un aumento da actividade económica para que así medre tamén a productividade. O proxecto humanitario que presentará na capital cubana o noso presidente deberá ir ben fundamentado para que as autoridades cubanas entendan que non é ningún ataque ao sentimento revolucionario que fixo caer ao dictador Batista. Polo contrario, só queremos facerlle xustiza aos loitadores emigrantes que deixaron o seu sangue nas terras cubanas. Foi no peirao da Habana onde primeiro se desembarcou para quentarse ao sol despois de longos invernos de friaxe. En 1905 un emigrante de Láncara apelidado Castro percorre as máis afastadas facendas vendendo roupa e panos que transportaba nun par de mulas. Aquel esforzo inicial axiña o fixo dono de once mil hectáreas de terreos en Mayarí e os seus fillos puideron ter os estudos que el non tivo. Cando aquel lucense baixou do barco xa puido buscar na capital cubana un abeiro onde acubillarse. En 1872 nacera a “Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia” que foi o xermolo do Centro Galego fundado o 29 de novembro de 1879. Se tiña problemas de saúde alí o atenderían porque desde 1894 a entidade galega era a propietaria da clínica médica “La Benéfica” que contaba cunhas excelentes instalacións. Se o noso emigrante necesitaba aprender a escribir para iso estaba a Sección Instrucción que en 1881 contaba con 109 alumnos. Nas fins de semana o mellor local teatral da illa con capacidade para 1500 asistentes ---inaugurado no interior do Palacio Social o 22 de abril de 1915--- erguía o telón para recibir a Sarah Bernhardt ou Arthur Rubinstein. Dona Diáspora pensa e recomenda que o presidente da Xunta viaxe a Cuba para comezar coa tramitación que lle devolva o Centro Galego da Habana aos seus donos que non son outros que os descendentes dos emigrantes alí soterrados. A petición formal ao goberno cubano deberá ir baseada en que o esforzo da emigración é unha herdanza solidaria e por tanto sagrada que debe quedar fóra das ideoloxías políticas. O Centro Galego é moito máis que un edificio porque garda en cada unha das súas paredes os sentimentos dos milleiros de galegos que o construíron e que alí se namoraron ao ritmo dun danzón, cha-cha-cha, mambo ou pasodobre. Para que o Centro Galego poida ser o fogar central dos galegos é previo que a Secretaría Xeral de Emigración empurre e concrete a Unidade Galega. Hai que deixar os locais dos centros comarcais e mudarse ao noso emblemático edificio do Paseo Martí. Os edificios deben arranxarse e equiparse mediante axudas especiais da Xunta de Galicia para a súa utilización polos veciños do barrio como centros de ocio ou lecer. As actuais entidades pasarán a formar parte dunha nova realidade xurídica que se pode denominar Centro Galego da Habana ou Unión Galega na Habana que terá uns estatutos sociais nos que se recoñeza a súa personalidade xurídica e a titularidade do seu patrimonio social. Unha boa maneira de ir avanzando sería que neste ano e no mes de novembro se puidese inaugurar na capital cubana unha mostra sobre as variadas presenzas galegas na illa xunto cunha serie de actos nos que terían un protagonismo destacado tres figuras da nosa cultura: Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero e Xosé Neira Vilas. O presidente da Real Academia Galega falaría de Curros Enríquez; o profesor Alonso Montero de Rosalía de Castro e o ex emigrante e autor de “Memorias dun neno labrego” da lingua galega en Cuba. Estamos a falar duns paneis serigrafiados e tres conferencias. Calquera que faga as contas deste investimento ---que non gasto--- comprobará que non afunden ningún orzamento autonómico e serán a chave que permita abrir a pechadura do legado de identidade que nos deixaron os devanceiros na pérola do Caribe.
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Colaboracións anteriores dende Lonxe de Montevideo

Comentarios