Martes. 10.09.2024
El tiempo
10:25
30/04/13

A Ponte Constante

A Ponte Constante
Proxecto de Miguel Ferro Caaveiro para A Ponte Constante- Fonte- Arquivo Historico Nacional de Madrid

O 5 de marzo de 1786 o arquitecto Miguel Ferro Caaveiro asinaba un informe sobre a idoneidade de construír unha ponte na paraxe denominada A Ponte Constante. Entre outras razóns, argumentaba que no sitio había restos dunha cepa, que podía ter pertencido a unha vella ponte, e unhas laxas no medio do río, que valerían para asentar os novos piares, abaratando así os custes da obra. O cal, para asentar as pedras, viría por mar até Cee e, desde esta vila, en carro, “que solo dista una hora de Camino”. Esta hora de camiño entre Cee e A Ponte Constante fálanos de cómo eran os camiños entón, das dificultades de desprazarse, dificultades acentuadas pola deixades da administración e que acentuaba o atraso.

O informe ten que ver cunha serie de peticións, entre elas a de nove veciños das aldeas próximas ao río Castro e residentes, entón, en Madrid. É unha petición que fan chegar ao conde de Floridablanca para que interveña ante o rei. Eran veciños de Agar, Altalamaña, “Cenande”, O Castro, Sorna, Mentiráns, Salgueiros, “Zernado”, e un de “Los Molinos” da freguesía de Salgueiros, lugar que non coñecemos.

Miguel Ferro Caaveiro di que no río Castro non hai ningunha ponte, tan só pasais, e que no inverno era difícil e perigoso atravesalo. A ponte do lugar d´A Pontenova estaba, segundo di o arquitecto, “arruinada”, algo que corenta anos atrás xa denunciara frei Martín Sarmiento cando por alí pasara indo de Moraime cara a Fisterra: “no hay puente, ni nueva ni vieja, sino unos pasales”. Pasaron máis de corenta anos e nada se fixera para solucionar un problema vital para a comunicación da nosa comarca. Noutro parte do documento, estes pasais son chamados “miserables piedras”, e dise que cando enche o río son moi perigosos para o paso, dándose casos no que morreron varias persoas afogadas, aparecendo despois “comidas de los peces casi por boca y manos, que casi no se conocían, sino fuera por haber faltado de sus casas ”.

Coas enchentes o tránsito quedaba parado, e sen as enchentes pasar o río era difícil. Para o informe, o tráfico principal era o da tropa, que ía para os castelos do Soberano ou para os da ría de Fisterra; tamén se resalta o paso dos carros cargados de tabacos e outras mercadorías importantes para a coroa, importantes por estar gravadas con impostos. Pero por aquí, por ser camiño real, tamén pasaban os naturais e xentes de lugares máis remotos, di a petición, para ir a feiras e mercados a comprar e vender gando e se caían ao río este leváballe “sus géneros qe llevan”, a parte de que podían morrer afogados.

Por todos estes inconvenientes e para mellorar a comunicación, persoas “prudenciais” trataron o tema ante os xustizas das xurisdicións de Vimianzo e Corcubión, xurisdicións que o río dividía, para a construción da ponte na paraxe coñecida como Ponte Constante.

As comunicacións eran entón moi malas en todo o estado español, algo que viña de vello e que afectaba directamente ao progreso, e con estes camiños chegaremos ao século XX. O Estado empeza no século XVIII a tratar este problema e a trazar novos camiños reais e mellorar os xa existentes, especialmente para levar a súa administración e presenza a todo o territorio, pois un estado que nos se fai ver diante dos seus cidadáns non existe.

Hoxe son moitos os veciños que cruzan A Ponte Constante para ir ao traballo, a comprar ou simplemente para ir visitar alguén ou realizar calquera outra actividade social. Pero a construción desta ponte foi unha reivindicación e loita doutros veciños para que o río Castro non fose unha barreira que impedise a comunicación e acabara coa vida dos veciños que tan só querían ir á feira a Bermún ou a outro lugar. E o proxecto se lle encarga a Miguel Ferro Caaveiro, quen non era só un arquitecto de prestixio, senón tamén un especialista en pontes, a quen lle encargaban informes sobre outras, como a de Pontedeume ou a das Pontes de García Rodríguez.

As Aberturas. Memorias e paisaxes

Outros artigos de Manuel Vilar

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

  • Redacción e fotos de Manuel Vilar para QPC.
  • Comentarios