As uvas da ira e o pan da solidariedade
- “… estradas repletas de xente frenética que corría coma formigas a arrastrar, empuxar, levantar e traballar. Por cada carga que puidera levantar un home xurdían cinco pares de brazos para levantala; ante cada ración de comida que se podía conseguir abríanse cinco bocas.
E os grandes propietarios, os que deben ser desposuídos da súa terra por un gran cataclismo, os grandes propietarios con acceso á historia, con ollos para ler a historia e coñecer o gran feito: cando a propiedade se acumula nunhas poucas mans, acaba por serlles arrebatada. E o feito que sempre acompaña: cando hai una maioría de xente que ten fame e frío, tomará pola forza o que necesita. E o pequeno feito evidente que se repite ao longo da historia : o único resultado da represión é o fortalecemento e a unión dos reprimidos. Os grandes propietarios fixeron caso omiso dos tres berros da historia. A terra foi quedando en menos mans , medrou o número dos desposuídos e os propietarios dirixiron todos os seus esforzos á represión. (…)A economía en proceso de cambio foi ignorada, ao igual que os plans de cambio; e só se consideraron os medios para extinguir a revolta, mentres persistían as causas da mesma (…)”
Sóavos dalgo? Recoñecedes o que nos quere contar o texto? Non é un texto actual, é un fragmento de “As uvas da ira” de John Steinbeck, a miña novela de cabeceira; unha novela de 1939, pero o que conta está de plena actualidade. Neste inverno duro de chuvias e frío, volvín a ela. Porque a situación actual lembroume o que lin nela hai uns anos, a primeira vez que caeu nas miñas mans. É unha novela longa , pero moi boa de ler.
“As uvas da ira” conta o que fai o capitalismo feroz coas persoas. Como unha familia normal, de xente traballadora, convertese da noite para a mañá nuns excluídos da sociedade, nuns inmigrantes. E como os mesmos que os botaron das súas casas violentamente ( toda expulsión é violenta, dun ou doutro xeito) , logo os criminalizan e gastan os cartos que din que non teñen en armarse de policía para defenderse destas persoas que desposuíron das súas casas, persoas que só queren traballar.
Sóavos? Que é o que están facendo coa xente da plataforma antidesafiuzamentos? Que é o que está pasando na sociedade actual? Os paralelismos coa situación presente son evidentes.
- “Tirar patacas aos ríos e poñer vixiantes para evitar que a xente famenta as pesque (…) .Iso é un crime que vai alén da denuncia. É unha desgraza que o pranto non pode simbolizar. É un fracaso que supera tódolos nosos éxitos. A terra fértil (…) e nenos agonizando de pelagra deben morrer por non poder obter un beneficio dunha laranxa. E os forenses teñen que encher os certificados – morreu de desnutrición- porque a comida debe apodrecer, á forza debe apodrecer. (...)e nos ollos da xente reflíctese o fracaso; e nos ollos dos famentos hai unha ira que medra. Nas almas das persoas as uvas da ira estanse enchendo e collen peso, listas para a vendima”. (As uvas da ira)
A evolución da sociedade lévanos a conquistar dereitos e benestar social. Pero cando xa acadamos un nivel non tolerable para o sistema capitalista, entón precísanse crises cíclicas para “poñernos no noso sitio”. Porque o sistema aliméntase de persoas con fame e que traballan polo mínimo, aliméntase de medo, de persoas sen casa, de xente desposuída de todo, desposuída dos mínimos necesarios para unha vida digna. A máquina aliméntase dos desaxustes sociais, das diferenzas, canto meirandes, mellor.
E, en realidade, isto non é unha crise. É a loita de clases sen máscara, sen disfraces, descuberta en toda a súa ferocidade. Unha coartada para anular os dereitos sociais, e mesmo os dereitos humanos que “aparcan” para tempos de bonanza económica e pídennos que aparquemos a nosa xusta esixencia dos mesmos. A tan traída crise non é máis ca unha clase dominante que ten que sobrevivir e manter o seu estatus , e para elo necesita que a outra clase se faga máis pobre, non que desapareza, non, senón que se faga maior e máis necesitada, que se radicalice a súa pobreza. Unha boa base sobre a que pisotear e encumbrarse.
Xa ninguén cre na maior. Que esta é unha crise inevitable. Hai outras formas de organización social e económica, pero calquera alternativa é afogada ou ignorada ( na novela aparecen estas outras formas de vida cooperativa , de organización do pobo). Escoitar falar de soberanía ponlles os pelos de punta, só pensar noutra forma de organización social e política failles ver en perigo o estatus que manteñen dende séculos.
John Steinbeck móstranos claramente a única esperanza, o único camiño para resistir e seguir adiante: a solidariedade. Pero non a solidariedade de arriba abaixo, non, senón a solidariedade entre iguais, entre os pobres, entre os desposuídos. Só a solidariedade e a organización entre nós pode sacarnos adiante. E a loita polos dereitos que nos negan.
- “ - (...) Mira , Tom..., nós, a nosa xente, seguirá vivindo cando estes outros desaparezan. Escoita Tom, nós somos a xente que vive. Non nos poden borrar do mapa. Nós somos a xente, nós seguimos adiante.
- Apaléannos continuamente.
- Xa o sei- A Nai riu entre dentes,- Quizais é o que nos fai fortes. Os ricos van e morren e os seus fillos non serven para nada e van desaparecendo. Sen embargo, Tom, nós seguimos xurdindo. Non te inquietes, Tom. Chegan novos tempos, distintos". (As uvas da ira).
Se algunha vez tes fame, non pidas de comer a un rico: chamarache vago e avisará á policía. Pide de comer a un pobre e compartirá contigo o último anaco de pan duro. E logo, únete a el e organizádevos para seguir comendo o resto dos días e se xuntades uns cantos máis coma vós que se vos unan, e vos organizades... entón xa non serás ti quen teña medo, senón que verás o medo no rostro dos poderosos.
O que máis temen é a organización entre aqueles que expulsan do sistema . Agora mesmo , no noso pais, están a organizarse para combater a unión entre os desposuídos (vemos como tentan demonizar ás persoas que loitan contra os desafiuzamentos ou ós afectados das preferentes). Pero, mentres sexamos quen de organizarnos poderemos seguir adiante. O medo que paraliza é o inimigo maior dos estómagos dos nosos fillos.
Tampouco deberiamos nunca loitar entre nós. O sentimento de clase (é curioso, moitas persoas creron superados estes conceptos , pero agora cobran vixencia e necesidade) é fundamental para definir a nosa posición e quen son a nosa xente. O contrario, o servilismo, só nos leva á propia aniquilación.
Ira e solidariedade. Esa é a clave da resistencia. Ira para non quedarmos quedos , para non deixarnos aniquilar e a solidariedade para tecer redes coa nosa xente, axudarnos e organizarnos.
Os gobernantes e os banqueiros non nos van sacar desta. Si, sairemos, como estado ou como conxunto de estados, xa atoparán unha saída . Pero na realidade, a pé de rúa, como persoas que temos que comer tódolos días, así , teremos que saír por nós mesmos, buscando a forma de sobrevivir e resistir; e esta forma de saír pasará, ineludiblemente pola organización entre nós mesmos.
Por iso hai que saber que temos que aprender a vivir na nova época que nos toca. E para iso hai que estar espertos, e sobre todo unirse. Hai que volver a conquistar os dereitos que nos arrebatan coa desculpa da crise económica. Iso ou un cambio de paradigma social e económico xa (que sería, en realidade, a única e a verdadeira solución de presente e futuro). Pero para elo teríamos que ser quen de facer unha revolución ou ben, para ir acadando cambios, escoller mellor aos nosos gobernantes. E desta “cagámola” totalmente, por dicilo dunha forma abrupta. E non vale iso de que “eu non lles votei”, xa, xa, pero votoulle o do lado, e iso é un fracaso de todos nós. Porque, lembrémolo, socialmente somos un. Formamos unha clase, un dos actores deste drama.
De novo na novela en cuestión, e isto gústame especialmente, é importante a figura da muller. A muller é quen sostén o mundo que se desmorona ao seu redor. Tamén agora , na realidade do noso pais, as mulleres ocupan moitas páxinas dos xornais, mulleres que protestan, que berran, que lideran plataformas... Ao final de “As uvas da ira” nunha escena fermosísima, e durísima tamén, quen nada ten, quen perdeu todo, comparte o último que lle queda e con iso asegura a continuidade, afirma a vida. Esta escena final protagonízaa tamén unha muller.
Ben, rematando, desculpade se me puxen filosófica de máis pero é necesaria a reflexión, máis ca nunca. Hai que activarse. Moitos sabedes do que estou a falar, sabédelo moi ben. Pero para aqueles que aínda non se decataron, propóñovos un plan: deixémonos unhas cantas tarde-noites de ver a televisión e leamos un libro. Para empezar “As uvas da ira” de John Steinbeck estaría ben.
Leámolo e preguntemos quen seríamos nós nesa novela. Será un bo comezo.
- Viki Rivadulla (vikirivadulla@quepasanacosta.gal).
Novas relacionadas
-
Máis información
Outros artigos de Viki Rivadulla
- A avoa Lola.
- Que é a Sala do Perello?.
- Forza creativa e resistencia na Costa da Morte.
- Novembro.
- Dos retratos de Antonio Nodar aos autorretratos dos nosos gobernantes.
- Por que un Curso de galego aplicado ás Novas Tecnoloxías?.
Novas relacionadas
- Viki Rivadulla estreou entre versos amigos a exposición do seu mar.
- A muxiá Viki Rivadulla expón a súa arte comprometida na rede.
- A mirada de 4 artistas dende Muxía.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).