Venres. 18.10.2019
El tiempo
18:25
16/04/12

Berremos forte: forza Centro Galego de Bos Aires!

Berremos forte: forza Centro Galego de Bos Aires!

Dona Diáspora leva 105 anos ---desde o dous de maio de 1907--- celebrando a iniciativa do emigrante vigués Antonio Varela López [Socio nº 1] de convocar unha reunión no seu domicilio da rúa Alsina 946 onde tiña o seu establecemento comercial. Alí tivo lugar a sinatura da Acta Fundacional do Centro Galego de Bos Aires. Un pouco despois, o 21 de xullo, fíxose a primeira Asemblea Xeral coa asistencia de máis de douscentos asociados. Foi elixido presidente Roque Ferreiro [Socio nº 19] e aprobados os estatutos sociais nos que se establecía que a data do 25 de xullo era  festa oficial na entidade. En 1911 transformouse en Sociedad Benéfico Mutualista co doutor Avelino Barrio designado para encargarse dos consultorios médicos.

Agora mesmo a nosa vella emigrante está triste e moi desanimada porque non hai torta nin veliñas que soprar. Despois dun século de esforzos e cun goberno autonómico en Galicia estamos a vivir unha forte inestabilidade que pon en perigo o futuro do Centro Galego. Para aqueles que que non coñezan a actual realidade arxentina débese informar que o país está mellorando. Hai traballo e vaise progresando e saíndo dun longo período de desaxustes sociais e políticos. Entón se a irmá Arxentina vai indo ben a pregunta obrigada é a de clarexar o acontecido cun fillo noso que está asulagado na lama da crise.

Non hai que ser un adiviño para constatar que se hoxe hai débedas non foi por ningunha mala xestión dos dirixentes. Non, para nada. Todos os presidentes dos últimos anos desde a primeira presidencia de Juan Manuel Pérez ata a de Julio Martínez Martínez Fernández estiveron a fronte dun equipo humano comprometido coa entidade. Todos coñecemos a honestidade de Sánchez Millares, Reboreda, Fierro, Bouzo, Campos, Adrio, Fernández e Ucha. Os namorados do Centro Galego non andan ás agachadas porque para eles non hai máis honra no mundo que presidir o Centro Galego de Bos Aires.

O virus que contaxiou ao Centro Galego veu de fóra. As autoridades centrais e autonómicas deixáronse convencer por empresarios sen escrúpulos que só foron a facer caixa a capital arxentina. Nunca se debeu de entregar fondos públicos a empresas que dicían ían xestionar os servizos sanitarios da entidade. Nunca se debeu de confiar en xente allea ao corazón do Centro Galego. As administracións implicadas actuaron pensando que a mellor solución era a privatización da xestión pero os contratados estaban preocupados pola “plata dulce” e non polo ofrecemento dun servizo médico-hospitalario de calidade.

Así foi que hoxe temos ao presidente Vello nos lindeiros dun colapso nervoso porque o home recibiu unha herdanza chea de débedas. Eu sei que don Carlos Alberto é unha persoa seria e razoable pero está levando moi fortes paus no lombo. Poida que o seu espírito de Covelo non trema diante das dificultades pero non é de aceiro. Os que queren ao Centro Galego deben de achegarse a sede social para arroupalo e ofrecer colaborar con quen recibiu o apoio maioritario dos asociados. Non é de galegos nobres o de fuxir cando os ventos non veñen doados. É o momento de dicir: aquí estou para botar unha man. Logo, cando os problemas se arranxen xa haberá tempo para elección de novas autoridades.

Dona Diáspora quere pedirlle un favor especial ao ex presidente Ucha Alonso. Rógalle que se poña na fronte dunha Comisión Especial de Salvamento na que participen persoas que desexen a recuperación do Centro Galego. Os que se apunten terán a maior recompensa posible que é a de escoitar aos netos dicindo “Che, vos sabés que mi abuelo ayudó a salvar al Centro Gallego”. Se don Roxelio acepta a suxestión; axiña se poñerá a mover fíos e a tocar timbres para que o presidente Feijóo e o presidente Rajoy saiban que non poden deixar esmorecer a lareira onde durante máis dun século nunca faltou un rachón de carballo para quecer da morriña da terra de Rosalía de Castro.

  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.gal)

Novas relacionadas

comentarios