Canta razón tes, prezado Luís
Prezado Luís:
Con moita atención estive lendo o seu artigo titulado "Outra vez a emigración" e non podo mais que acordar con vostede en moitas das afirmacións que formula.
Sen dúbida nengunha que a separación e o desarraigamento sufrido polos emigrantes que viñeron para o Río da Prata trouxo moito dor a os que se foron, a dor de deixar a terra e os afectos coa incerteza que significa ir a un lugar descoñecido sen saber se algunha vez poderían volver ver o intenso verde dos montes e a bravura dos mares da súa amada Costa da Morte.
Con toda esa carga ás costas que trouxo a emigración a esta beira do Atlántico, non debo, non podo e non quero deixar de destacar outras características moito máis positivas que foron e deben seguir sendo exemplo tanto para os seus descendentes, sangue galego nacido nestas terras, coma cos galegos que habitan o territorio, e aínda con aqueles que con esta lamentable crise que toca vivir hoxe, están a pensar en emigrar novamente, coma se fose o inexorable destino do noso pobo.
Estas características positivas que nos deixaron os nosos pais e avós son a cultura do traballo, a honradez, a nobreza, e a intelixencia de moitos deles que sen ter formación lograron abrirse camiño, emprender e aproveitar moi ben as oportunidades que se lles presentaron, redondeando un proxecto de vida do que poden sentir verdadeiro orgullo.
Outra das nobres características daquela emigración, que debese ser exemplo para todos nós, e que se enxerga en varias pasaxes do seu moi bo artigo, é a SOLIDARIEDADE con maiúsculas que tivo esa xeración de emigrantes, os que nunca esqueceron a súa patria e a súa xente. O envío deses fardos envoltos en tea branca e a construción das escolas que vostede menciona son exemplos máis que suficientes do inmenso espírito solidario que os animaba.
Pero hai outro costado solidario da emigración que poucas veces se ten en conta. É verdade que a lexítima aspiración de vivir dignamente e poder edificar un futuro os levaba a marchar, pero tamén é verdade que naqueles tempos da posguerra, sumadas ao secular illamento sufrido polas nosas bisbarras, non había recursos para todos, nunha época onde o crecemento demográfico era moito máis activo que o actual, e as familias eran moi numerosas. Emigrar tamén foi un acto de solidariedade para cos que quedaron. Nun monte de piñeiros, se eles crecen amontoados no mesmo espazo, seguramente os seus madeiros serán débiles e diminutos. Retirar algúns deixou máis espazo entre eles, o que seguramente permitiu que crezan mais robustos e louzáns.
Tócame a min como actual presidente da ABC do Partido de Corcubión en Bos Aires manter e promover este legado cara ás novas xeracións para que o vínculo que nos une nunca se rompa e poidamos manter acendida esta chama que ilumina ao mundo, denominada Galicia Universal. Cando logremos entender a nosa universalidade como pobo sen mirarnos de esguello e sen receos, poderemos mirar cara adiante coa fronte ben alta e con fundadas esperanzas no noso futuro.
Quero solicitarlle a vostede poder contar con seu traballo de investigación sobre a construción das escolas fundadas nas bisbarras de Soneira e Fisterra pola nosa sociedade, publicado nos anos 80 no caderno de Lecer e Culturas do Ideal Galego. Será seguramente un moi bo material para difundir este exemplo de solidariedade, e talvez promover a curiosidade dalgún xornalista que se mostre interesado en investigar o actual funcionamento e estado destas.
Moitas grazas pola súa atención e polo seu artigo que nos fai reflexionar para intentar non tropezar varias veces coa mesma pedra.
- Carlos Oscar Ameijeiras Miñones, Presidente do ABC do Partido de Corcubión (carlosameijeiras@quepasanacosta.gal).
Artigos relacionados
- Luís Lamela: Outra vez a emigración.
- Manuel Suárez Suárez: Unha conversa na mámoa de dona Pedra da Arca.
Novas relacionadas
- O ABC del Partido de Corcubión celebra os seus 90 anos en Bos Aires.
- A comitiva do ABC de Corcubión lembra en Vimianzo o traballo da emigración pola educación.
- Os membros do ABC de Corcubión coñecen as súas raíces.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).