Venres. 19.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
10:23
12/12/12

Cheiro a fuel

Cheiro a fuel

Teño contado moito sobre a celebración na Coruña do xuízo polo desastre-catástrofe-estrago do Prestige aínda que ata o de agora nunca tiña amosado opinión pública sobre este asunto e creo que hoxe merece que o faga, por tres razóns principais.

A primeira pasa pola impunidade. É moi difícil entender o por que dunha serie de decisións complexas tomadas en difíciles circunstancias por persoas que a priori non parecen as máis cualificadas. Ademais, os seus ditames non coinciden en moitos casos coa opinión maioritaria (máis experta) que entendía que as decisións debían ter sido outras. Por iso, resulta complexo tragar con que os únicos imputados sexan as tres únicas persoas que afrontaron a toma desas decisións, a pesares das súas eivas en canto a medios, información ou coñecementos.

A segunda das razóns desta opinión hoxe sobre un sucesos tan complexo como o acontecido aquel 13 de novembro de 2002 pasa pola responsabilidade. “Onde manda patrón non manda mariñeiros” reza o refrán, tan acaído para o que quero explicar. Por enriba de Apostolos Mangouras non había ninguén en canto a decisións e ordes no mando do mercante… pero por enriba de José L. López-Sors si. En concreto un Ministro, o de Fomento, Francisco Alvarez Cascos, responsable máximo do Ministerio que administra a autoridade marítima en España naqueles días.

E por enriba deste, incluso, un presidente. López-Sors non é Lee Harvey Oswald. Non é un tolo solitario que decidiu pola sua conta e risco que afastar o buque era a única decisión viable. Debía, estaba obrigado a informar e validar as súas decisións clave co seu xefe, e el mesmo recoñeceu no transcorrer do xuízo que falou en varias ocasións co Ministro para mantelo o tanto. Non houbo ocultación, nada de actuar por libre. Cascos sabíao, pero non esta aquí sentado nin nunca respostará a nada relativo a aqueles días.

A terceira das miñas cuítas no transcorrer deste proceso pasa pola incapacidade, a falta de preparación, a incultura e a ausencia de criterio. Nunha crise non agardo que os encargados da sua xestión sexan perfectos, inapelables e impermeables. Agardo que sexan serios, sensatos e xustos. Si se poñen nerviosos asumo que é porque son humanos e me alivia saber que non me dirixen autómatas. Pero de aí a dar ordes sobre rumbos marítimos sen saber do que se fala, a facer que un técnico cun pe no retiro suba a un mercante para arrancar unha maquina que nunca debeu acender, de aí a negar a evidencia dunha marea negra cando o petróleo peta na área coma ondas de merengue negro e espeso… aí moito.

Para pechar este breve apuntamento sobre algo que vai aínda a dar moito de si mediáticamente (xuridicamente son fabas contadas) so quero apuntar algo evidente. Unha mesma empresa non pode actuar como organismo para emerxencias público e privado a unha mesma vez. Remolcanosa faino, dende hai décadas, e son soadas no mundo do mar as súas “cantadas”. Retrasos innecesarios para negociar remolques privados, dubidosas manobras que levaron a estraños embarrancamentos e unha longa lista de curiosidades que vinculan a unha empresa cun xeito de entender o rescate naval máis próximo os raqueiros do XIX que os modernos sistemas de rescate naval.

Queda moito por leirar e, aínda que non sirva para que ninguén pague polo que fixo, aló menos algúns saberemos do que falamos cando dicimos que algo cheira a podre na xestión da seguridade marítima. Cheira máis que o fuel daqueles escuros e ventados días de novembro.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información

Comentarios