xoves. 01.05.2025
El tiempo
09:26
19/10/14

Cómo buscar traballo en Londres

Cómo buscar traballo en Londres
National Insurance Number NIN

Dicía Einstein que todo é relativo. E non lle faltaba razón. Un bo exemplo atopámolo na situación laboral en Londres e, por extensión, en Inglaterra. Se a comparamos coa española, isto é unha illa (literalmente) onde a taxa de desemprego se sitúa no 6%, fronte ao 25% de España (coido que as cifras falan por si soas). Sen embargo, se a comparación é coa mesma Inglaterra unha década atrás, o panorama mudou moito e a crise tamén se deixa sentir, segundo comentan os propios ingleses.

Malia todo, atopar traballo en Londres é moito máis sinxelo que en calquera cidade ou vila española. Pero iso tampouco significa que nos estean agardando cos brazos abertos e co contrato xa preparado para asinar. Nada máis lonxe da realidade... A miña experiencia neste país dime que é moi complicado baixar de 3 – 4 semanas, salvo que veñas xa con traballo buscado de España (por exemplo, a través de axencia).

O primeiro paso que todos os que buscamos traballo en Inglaterra debemos dar é solicitar o National Insurance Number (NIN) -que vén sendo o equivalente ao noso número da Seguridade Social-, xa que a maioría das empresas vánnolo pedir antes de optar a un posto de traballo. Sumando o tempo de espera pola entrevista e mailo tempo de espera despois desta, estaremos en posesión do NIN unhas 3 semanas despois da nosa chegada ao país.

O segundo paso é abrir unha conta bancaria, algo que pode parecer sinxelo, pero que non o é en absoluto. Case todas as entidades requiren que cubramos un extenso formulario e que acudamos a unha entrevista persoal. Sen un enderezo estable, o NIN e un contrato de traballo é realmente complicado acceder a dita conta. E sen unha conta bancaria, as opcións de atopar traballo redúcense considerablemente.

Unha vez superadas ambas barreiras –ás que hai que engadir a idiomática, aínda que o noso nivel de inglés sexa aceptable-, o camiño máis eficaz para atopar traballo é, literalmente, ir “porta por porta” entregando currículums e cubrindo os denominados “application form”, uns formularios nos que a empresa pregunta todas as cuestións que considerada oportunas sobre o noso perfil e as nosas aspiracións profesionais. En moitos casos, os impresos están dispoñibles en Internet, algo que nos permite aforrar tempo.

No meu caso particular, o meu primeiro emprego acadeino a través dunha amiga dunha coñecida: nunha axencia inmobiliaria, sen contrato e distribuíndo folletos polas casas (a razón de 20 libras por cada 1.000). Pouco despois, e por medio de persoas que fun coñecendo en Londres, conseguín un posto como limpadora nunha tenda de Zara. Por circunstancias da vida, alí estiven apenas un mes. E, case seguidamente, entrei a traballar, tamén como limpadora, no hotel ‘President’, que pertence á compañía inglesa ‘Imperial London Hotels’. Disto fai xa un ano e medio, e, dende entón, podo dicir que sempre fun progresando. Tras 6 meses no ‘President’, promocionei ao departamento de Reservas, ao mesmo tempo que fun transferida ao hotel ‘Royal National’, onde me atopo actualmente.

De agora en diante, só Deus sabe o que está por vir…

  • Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).

Artigos de Paula García Costa

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios