martes. 21.10.2025
El tiempo

O BNG cualifica de "puro fume" os orzamentos da Xunta para a Costa da Morte

Xurxo Rodriguez BNG Costa da MOrte
Xurxo Rodríguez, responsable do BNG Costa da Morte
O BNG cualifica de "puro fume" os orzamentos da Xunta para a Costa da Morte

Trala defensa dos deputados populares e as primeiras críticas socialistas sobre a “repetición das partidas”, tócalle ao BNG da comarca facer valoración da proposta de Orzamentos 2026 que a Xunta de Galicia vén de facer para a Costa da Morte.

O responsable comarcal Xurxo Rodríguez cualificou como “nefastos e reiterativos” para a Costa da Morte as contas presentadas pola Xunta e que volven amosar unha “falta total de compromiso coa nosa comarca”.

Os nacionalistas sinalaron que “só hai que lembrar que nos orzamentos de 2025  dispuxeron de 8 millóns de euros para a ampliación da autovía, e vemos que a Xunta non executou nada este ano; agora volven a meter 8 millóns, cando o ano pasado dixeron que ían poñer 10. É un despropósito porque non teñen aínda o proxecto do corredor, non autovía, nin aprobado definitivamente”.

A formación nacionalista denunciou a política propagandística do PP, que “quere tratarnos por parvos aos habitantes da comarca”, e insistiu na falta de servizos que sofre a nosa comarca debido ás políticas da Xunta. “Outra mostra máis témola coas obras para o servizo de tratamentos de quimioterapia no hospital comarcal, que tiña que estar en funcionamento en setembro, e aínda está en obras”.

Rodríguez considera “unha tomadura de pelo á Costa da Morte” o proxecto de orzamentos presentado polo executivo galego. “O PP sigue a mentirnos e enganarnos, e insiste en condenar á nosa comarca a un trato discriminatorio”. “O que necesitamos son máis e mellores servizos sociais e sanitarios, un transporte público digno e políticas de vivenda que faciliten o acceso á mesma; a Xunta non dispón nos orzamentos para 2026 nin un só euro para vivenda pública nas comarcas de Soneira e Fisterra”. Así mesmo, lembrou que a o goberno galego “tampouco prevé na nosa zona para 2026 ningún centro de día e nin unha soa residencia de maiores, que son servizos moi necesarios e que a xente está a demandar”. 

O portavoz nacionalista avanzou que desde o BNG traballarán no Parlamento galego pola melloría do proxecto de orzamentos para a Costa da Morte. “Empezan con mal pé, porque promesas como o centro de saúde de Fisterra non aparece, a pesar de chegar a un acordo aínda non hai un mes no parlamento. É a maneira do PP de facer política, enganando á xente, que é o que mellor se lles dá facer, sobre todo á xente maior”, subliñou.

Máis novas

Comentarios