venres. 09.05.2025
El tiempo
10:27
29/04/11

Cómplices Silenciosos

Cómplices Silenciosos
As primeiras tropas aliadas que entraban na Alemaña Nazi no 1944 atopáronse con algo curioso que moitos autores e soldados daquel conflito teñen referido nas súas biografías e relatos posteriores. Ninguén era nazi. O internarse en territorio alemán, no corazón de aquel país que unilateralmente decidiu a invasión dos seus veciños e o exterminio de máis de 6 millóns de xudeus, descubriron o que simulaba ser unha poboación desconcertada. Ninguén era membro do partido nazi, ninguén sabía nada. Ninguén fora testemuña do abuso e liquidación de todo un pobo, ninguén coñecía da existencia dos campos de concentración e exterminio, ninguén cheiraba o fedorento resultado de queimar en crematorios masivos a milleiros de seres humanos no marco da denominada por Hittler “Solución final”. Ninguén. Coma non é crible, son varios os autores xudeus que sinalan aspectos concretos desta peculiar “amnesia colectiva”. Unha delas, de orixe alemán é Hannah Arendt, filosofa alemana de orixe xudía que apunta a unha cuestión que quero explorar hoxe aquí. A responsabilidade de cada quen nas cousas que pasan e ata que punto ignoramos que “pasar de todo” non exime de culpa algunha. Como teño contado noutra destas columnas, mentres a Alemaña nazi se dirixía cara a guerra, principalmente nos últimos anos 30, o boom económico do país foi perceptible a tódolos niveis. Case sen paro, en franco crecemento e cun nivel de vida realmente asombroso nun país que quedara devastado pola Gran Guerra e que pagaba os vencedores de aquel conflito reparacións de guerra escandalosas, cifras mareantes, en virtude do acordo de armisticio firmado polos alemáns e os vencedores en Versalles no 1918. Pero Alemaña medra en base a un plan polo que xudeus, xitanos, enfermos mentais e discapacitados non entran nas cifras do paro dado que van sendo confinados en centros onde comeza unha dramática secuencia de horror que desemboca, xa coa guerra en marcha, nun plan sistemático de exterminio. En resumo, a Alemaña nazi non ten “minorías excluídas” porque as liquida. ¿Alguén dixo algo, alguén fixo algo? O medo que o partido nazi e os seus grupos de presión, violentos e paramilitares, poñían na rúa foi sempre esgrimido como escusa polos silenciosos veciños da Alemaña nazi. ¿Qué iamos facer?, dicían, ¿expoñernos nós ou as nosas familias?. Asunto delicado, sen dúbida. Outro debate pode ser o de si, descuberta toda a desfeita é normal que nun país como Alemaña non se dera nin unha minúscula mostra de protesta contestataria popular. Silencio cómplice o chaman os autores xudeus. A responsabilidade de estar ou non estar, acudir ou non acudir, a defensa da xustiza ou simplemente do sentido común é, ou debería ser, unha obriga cidadá. Porque unha cousa esta ben clara. Eu sei, meus país tamén, moitos outros veciños da súa idade igualmente e todos aqueles que no 1991 traballaban na factoría de Carburos Metálicos en Cee quen non pechou o seu negocio na folga xeral de aquel ano en defensa dos postos de traballo da factoría que corría por aquel entón perigo de desaparecer. Non o sabemos a efectos de nada en particular pero en base a iso sabemos, por exemplo, en quen non confiamos. Non confiamos en alguén que coloca diante o seu interés particular esquecendo que Cee e a comarca son unha comunidade moi pequena e que ou nos apoiamos todos ou imos dados. Eu tamén sei, e moitos outros igualmente, quen estaba e que fixo cada quen antes do 22 de maio e tamén que despois do 22 vira o 23, o 24 e o resto de días. E tamén sei, sabemos, quen gardou silencio. E non vai servir a ignorancia para xustificar que, a vista dunha inxustiza clamorosa, chea de comportamentos mafiosos, insultos, intimidación, falsidades e pura tomadura de pelo un grupo non pequeno de veciños e veciñas preferiron calar a boca ou dar por normal o que é simplemente delito antes que afrontar a súa responsabilidade e amosar en público que non están de acordo co delito, coa corrupción e coa ditadura. Eu aló menos non vou esquecer nin a uns nin a outros. E iso que aquí, por agora, non hai nin SS nin Gestapo. Por agora.
  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores

Comentarios